A maioría do sector do transporte galego desvincúlase dos paros a nivel estatal

As grandes empresas son acusadas de non cumprir a lei de custos.
Un camión que transporta madeira, ao seu paso polo municipio de Viveiro, na comarca da Mariña (Foto: José Muñoz Carrasco).
photo_camera Un camión que transporta madeira, ao seu paso polo municipio de Viveiro, na comarca da Mariña (Foto: José Muñoz Carrasco).

Despois de ter votado este domingo nunha asemblea en Guitiriz, na comarca da Terra Chá, a favor de comezar un paro indefinido a partir do día 14 de novembro, a afiliación galega da Plataforma en Defensa do Transporte (de ámbito estatal) anunciou que comezará nesa data as protestas. 

Denuncian a suba dos custos e demandan ao Executivo estatal que interveña para garantir un pago xusto polos seus servizos. Até 85% das persoas que participaron da votación apostaron por apoiar o comezo do paro indefinido, mentres que 10% votou que non e 5% abstívose. 

A principal reivindicación desta asociación de transportistas é que se cumpra a lei de custos, que prohibe traballar a perdas, mais que, segundo denuncian, non se está facendo cumprir. 

Tamén piden que se impida que as grandes empresas poidan coaccionar profesionais do transporte para asinar contratos inxustos. Aseguran ademais que pola orografía da Galiza, os custos do combustíbel están a subir para o sector galego por riba da media no conxunto do Estado.

Ademais, a Plataforma en Defensa do Transporte invitou ás explotacións agrogandeiras a que se unan aos seus paros. Segundo explicaron a Nós Diario fontes da Federación Rural Galega (Fruga) e de Unións Agrarias (UUAA), apoian as reivindicacións do sector do transporte por estrada xa que tamén padecen o problema de ter que vender os seus produtos por debaixo do custo de produción. Porén, ambas as organizacións descartaron convocar paros a curto prazo. 

O Sindicato Labrego galego (SLG) sinalou a este xornal que manterá unha reunión a próxima quinta feira na que resolverá se apoian a convocatoria de paros despois do chamamento de adhesión por parte da plataforma.

Apetamcor desvincúlase dos paros a nivel estatal

A Asociación Empresarial do Transporte de Mercadorías por Estrada da Galiza (Apetamcor), organización representativa na Galiza no transporte de mercadorías por estrada para pequenas e medianas empresas e persoas autónomas, con máis de 1.200 socias, desvinculouse esta segunda feira do paro anunciado pola Plataforma en Defensa do Transporte e advertiu de que "sería insostíbel" para o sector, sobre todo nestas datas. "Até este momento, os nosos máis de 1.200 socios non nos demandaron un paro nin unha asemblea extraordinaria para realizar unha votación neste sentido", explicou a asociación de referencia no sector do transporte por estrada na Galiza.

O Executivo estatal fala de "pequenos desaxustes"

A ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana do Estado español, Raquel Sánchez, recoñeceu a súa "preocupación" ante outra posíbel folga no sector do transporte e apelou á "responsabilidade" do colectivo para que non convoquen paros.

Segundo Sánchez, o Goberno estatal "cumpriu todos os acordos alcanzados co sector do transporte". A ministra apelou ao diálogo para "reconducir" os "pequenos desaxustes" que poidan existir. Así mesmo, lembrou que o decreto do transporte que se pactou co sector garantía que non se puidese traballar a perdas e insistiu en que, se se producen situacións de incumprimento, existe un sistema de denuncia. 

Transportistas alertan do perigo do desvío da A-6 pola N-120

O persoal do sector do transporte por estrada que leva mercadorías pola autovía A-6 rexeita os plans do Executivo estatal de estabelecemento dunha ruta alternativa de entrada e saída da Galiza en caso de mal tempo. Non aceptan ter que desviarse pola N-120 en caso de neve e xeada como alternativa ao actual desvío por Pedrafita (estabelecido despois da caída do viaduto do Castro) debido á enorme inclinación, de até 16%, nese traxecto.

Comentarios