Maioría absoluta da CIG no comité de Amazon no Porriño

A central obtivo 4 dos 5 delegados/as no comité de empresa nas primeiras eleccións que a empresa escolle representación na Galiza

Instalacións na plataforma loxística de Amazon no Porriño. (Foto: Amazon)
photo_camera Instalacións na plataforma loxística de Amazon no Porriño. (Foto: Amazon)

A FGAMT-CIG (Federación Galega de Alimentación, Mar, Transporte, Téxtil, Telecomunicacións e actividades afíns da Confederación Intersindical Galega) fíxose coa maioría absoluta nas eleccións sindicais que se veñen de celebrar na central loxística e de distribución que Amazon ten no polígono porriñés da Granxa (comarca de Vigo).

A central sindical nacionalista logrou 4 dos 5 delegados e delegadas do comité de empresa na primeira vez que se escolle representación.

No proceso, que tivo lugar recentemente no centro de traballo que a multinacional Amazon ten no concello do Porriño, a FGAMT-CIG colleitou 60 votos do total de 83 emitidos (dun censo de 96 persoas).

Pola súa parte, un sindicato independente, que foi o único capaz de presentar candidatura ademais da CIG, sumou 12 apoios.  Nestas eleccións sindicais tamén se contabilizaron 7 votos en branco e 4 nulos.

Deste xeito, a central sindical nacionalista contará con 4 delegados e delegadas no comité, por 1 do sindicato independente.

Desde a FGAMT-CIG valoran moi positivamente este resultado, tendo en conta ademais que é a primeira vez que se escolle representación sindical nun centro de Amazon en Galiza (a outra plataforma de reparto atópase na Coruña).

Por iso agradecen “o apoio masivo do cadro de persoal” e amosan a súa disposición a “defender os dereitos laborais e a reclamar melloras das condicións de traballo para o conxunto dos empregados e das empregadas de Amazon no Porriño.

 

Comentarios