A maior parte das persoas desempregadas leva máis de dous anos no paro

A EPA rexistra 111.900 persoas que procuran emprego desde hai, polo menos, vinte e catro meses.

Desemprego
photo_camera [Imaxe balbinojornalista]

Das máis de 275 mil persoas que non teñen emprego en Galiza, 111.900 levan máis de dous anos buscando emprego. Isto é, catro de cada dez persoas desempregadas procuran un prosto de traballo desde hai, cando menos, 24 meses. Porén, a cifra aumenta até as 148,8 mil persoas se incorporamos aquelas que están paradas desde hai máis de doce meses. 

O perfil destas persoas é de máis de 35 anos, principalmente entre os 35 e os 44, seguidas daquelas con idades comprendidas entre os 45 e os 54. 

Aliás, a EPA sinala que un total de 22.800 persoas están a procurar o seu primeiro traballo sendo que 14.600 levan máis dun ano nesta tarefa. 

Como principais fórmulas de búsqueda de emprego a EPA sinala que as persoas paradas consultan a familia, amizades e sindicatos; estabelece contacto directamente coas empresas e/ou olla as ofertas de traballo publicadas na imprensa, radio e Internet. 

Un terzo das persoas desempregadas non percibe prestación

As oficinas públicas de emprego supoñen a cuarta opción para as persoas demandantes, seguidas das axencias de colocación privada. Segundo a EPA nen sequera todas as persoas que deciden apuntarse ao INEM (166.100) agardan ser chamadas para ir a unha entrevista de traballo pois só 80.500 responde afirmamente a esta opción. 

Neste contexto, as cifras sinalan que unha boa parte das persoas desempregadas non percibe ningunha prestación. Así, das 275,7 mil persoas sen traballo, 185 mil non cobra ningunha axuda. 

Comentarios