Losada asegura que o Estado xa abonou 450 millóns a traballadores afectados por ERTE na Galiza

Nunha entrevista concedida ao informativo de mediodía de RNE na Galiza, o delegado do Goberno español detallou o impacto desta medida aprobada para combater os efectos da pandemia.

EuropaPress_3376048_ministra_trabajo_economia_social_yolanda_diaz
photo_camera A ministra de Traballo do Goberno español, Yolanda Díaz (Congreso)

O delegado do Goberno español na Galiza, Javier Losada, informou este domingo, 18 de outubro, de que a nómina abonada polo Estado aos traballadores afectados por Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) nas empresas galegas suma desde abril a setembro 450,7 millóns de euros. Nunha entrevista concedida ao informativo de mediodía de RNE na Galiza, Losada detallou o impacto desta medida aprobada para combater os efectos da pandemia no mercado laboral.

Asi, explicou que o Servizo Público de Emprego abonou entre abril e setembro 616.953 prestacións correspondentes aos ERTEs aprobados para empresas galegas. Por provincias ─a división que fai o Estado español do territorio galego─, a nómina destas prestacións na Coruña superou os 190 millóns de euros; en Lugo abonáronse 36,3 millóns; en Ourense, a nómina ascende a 41,6 millóns e na provincia de Pontevedra foron 181,9.

A respecto da evolución mensual dos perceptores e as contías, estes conceptos discorreron en paralelo á evolución da pandemia. Así, Losada detallou que "en setembro había 42.172 traballadores en ERTE na Galiza, 76% menos que no mes de abril, cando alcanzamos o pico de perceptores contabilizando 176.060". E sobre as cantidades abonadas, mentres no mes de abril o SEPE abonou por este concepto 145,1 millóns de euros, a nómina de setembro foi de 20,8 millóns.

De novo debullado por provincias, do total das prestacións abonadas o pasado mes de setembro, o maior número localizouse na Coruña, cunha contía de 9,6 millóns a 18.330 persoas. Séguelle Pontevedra, onde o importe das nóminas ascendeu a 7,2 millóns para 10.710 persoas, mentres que moi por baixo desa cifra atópanse Ourense e Lugo. A primeira, fechou setembro con 4.597 traballadores en ERTE que recibiron 2,16 millóns de euros, e a segunda, con 3.535 perceptores cunha contía abonada de 1,74 millóns.

Ampliación das medidas

O delegado do Goberno español na Galiza quixo salientar o acordo cos axentes sociais, que se traduciu na ampliación dos beneficios destes ERTE até o 31 de xaneiro a través dun Real Decreto Lei que foi convalidado polo Congreso dos Deputados na pasada quinta feira. Losada indicou que "a continuidade dos efectos da crise sanitaria provocada pola Covid-19 nas empresas e no emprego exixía unha resposta coordinada e adecuada para protexer os traballadores e as familias e así actuamos".

Ademais, salientou que "con esta medida conseguimos salvar moitas empresas da extinción e miles de empregos, e o noso compromiso é continuar dando protección ao tecido produtivo mentres sexa necesario", concluíu.

O sindicato maioritario na Galiza criticou en varias ocasións que se negocien prórrogas dos ERTE, “mentres seguen plenamente vixentes as reformas laborais, das pensións e da negociación colectiva ou os recortes nas prestacións por desemprego e os servizos públicos”.

Comentarios