A loita do persoal de Alcoa polo futuro da factoría leva o Premio 10 de marzo

As e os operarios do servizo de limpeza do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo levan o Premio 8 de marzo. Porén, a entrega quedará adiada pola situación sanitaria tal e como aconteceu cos recoñecementos do ano pasado.

A dura e longa loita do cadro de persoal da fábrica de Alcoa, en San Cibrao, así como das compañías auxiliares vén de ser recoñecida co Premio 10 de Marzo.

Así o comunicou a CIG despois de que o seu Consello Confederal acordase este galardón aludindo á “loita incansábel, grazas á que, despois de moitas xornadas de mobilizacións e folga conseguiron parar o ERE que afectaba a máis de 500 empregos da principal e outros tantos das auxiliares, facéndolle fronte a unha multinacional, que o único que pretendía era acabar co que hoxe coñecemos como planta de aluminio primario na Mariña de lucense".

Polo momento as negociacións para a venda da factoría están abertas, se ben desde a representación das traballadoras recoñeceron que o conflito en Alu Ibérica e a investigación do proceso de compra fixo máis lento o proceso.

Pola súa banda, as operarias do servizo de limpeza do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo levaron o Premio 8 de Marzo. O sindicato comentou que, para tomar esta decisión, pesou o feito de que estas tivesen “unidade e determinación”.

Grazas a esa estratexia “foron quen de forzar á empresa concesionaria do servizo e á do propio hospital a contratar máis persoal para rematar coa sobrecarga de traballo e co estrés laboral provocados polos novos protocolos hixiénicos derivados da pandemia do coronavirus”.

Aliás, os membros do xurado destes premios indicaron que a capacidade de mobilización permitiu mellorar, en xeral, as condicións laborais.

Entrega pendente

Máis aló de comunicar os colectivos merecedores dos recoñecementos, a central sindical comentou que vai adiar a entrega até que a situación sanitaria mellore e sexa seguro facer un acto de calado.

De feito, aínda están sen entregar os premios de 2020, que foron concedidos ao Servizo de Atención ao Fogar (SAF) de Forcarei e ás empregadas e empregados das ambulancias, polo conflito que tiveron que superar.

Comentarios