Primeira vez que persoal de todas as empresas dun aeroporto no Estado se une para facer folga

O aeroporto de Lavacolla parado por un conflito coa cantina do persoal

O persoal das case medio cento de empresas que desenvolven a súa actividade no aeroporto de Lavacolla-Rosalía de Castro, en Santiago de Compostela, prepárase para unha folga que será histórica se Aena non accede a escoitar ás demandas das traballadoras e traballadores. Será 13, 20 e 27 deste mes.
Manifestación traballadoras e traballadores de empresas do aeroporto de Labacolla (2).jpg
photo_camera Manifestación traballadoras e traballadores de empresas do aeroporto de Lavacolla

Será histórica porque suporía a primeira vez que todas as empresas dun aeroporto do Estado se unen para facer folga. “Será unha folga xeral no aeroporto eses tres días, o 13, o 20 e o 27”, di Pablo De Prado, representante do comité de empresa en Aena. Pablo é coordinador de programación na compañía que xestiona o aeródromo, a primeira operadora do mundo en número de pasaxeiros. 

O conflito en Lavacolla-Rosalía de Castro empezou pola cantina que utilizan traballadoras e traballadores, un espazo aparte da cafetería para as viaxeiras e os viaxeiros. O pasado 15 de marzo, recibiron no comité de Aena a notificación de que se ía eliminar o servizo, que os prezos para o persoal de Aena se mantería igual na cafetería, mais non para o do resto de empresas. A dirección do aeroporto di que é orde de Madrid, e a representación sindical responde que a cantina non supón ningún custe adicional. A primeira protesta foi o 17 de marzo diante dos mostradores de facturación da nova terminal. Durante os meses seguintes producíronse dúas concentracións máis na terminal e dúas manifestacións no recinto do aeroporto. A última protesta foi en maio. Á volta do verán, as traballadoras anunciaron esta semana que retomarán as medidas de presión cunha folga.

Será histórica porque suporía a primeira vez que todas as empresas dun aeroporto do Estado se unen para facer folga

O aeroporto de Lavacolla podería alcanzar este ano os 3 millóns de usuarios. No 2007 superou por primeira vez os 2 millóns, no 2011 estivo preto dos 2,5. Ese ano inaugurouse a nova terminal con 28 mostradores e 10 portas de embarque. No 2016 a cifra de viaxeiros superou por fin os 2,5 millóns anuais. A nova terminal está deseñada para xestionar 3,5 millóns de viaxes, 30 operacións por hora ás 24 horas do día, 45.000 operacións anuais. 

Mais en Lavacolla as empregadas e empregados do case medio cento de empresas que prestan os diferentes servizos -compañías aéreas, mantemento, alugueiro de coches, limpeza, seguridade...-, a maioría deles, viven instalados na precariedade, denuncian os sindicatos, con carga de traballo en aumento e salarios e dotación de persoal á baixa. E agora, a cantina. A cantina foi o detonador.

“Non é xusto que outros compañeiros teñan que utilizar o mesmo servizo que utiliza o público, con prezos máis altos cos que tiñan até hoxe”, sinala De Prado. No aparcadoiro tamén hai diferencias. Os de Aena e os de Enaire -a parte de Aena que se ocupa do control aéreo- gozan da gratuidade do servizo; o resto deben pagar entre 20 e 25 euros por día. “Se agora quedan tamén sen cantina, o gasto subiría moito, porque tampouco teñen a opción de saír e buscar un menú barato: abandonar o recinto durante a xornada considerase abandono do posto de traballo”. 

Un 30% das mil empregadas e empregados do principal aeroporto galego non chegan aos 500 euros de salario

En Lavacolla, o segundo aeroporto do norte, por detrás de Sondika en Bilbao, en tránsito de viaxeiros, e que concentra o 60% do tráfico anual en Galiza, os sindicatos quéixanse da cantina mais o malestar vén de atrás. “Cando dixemos nunha asemblea que hai xente cobrando 500 euros, algúns botaban as mans á cabeza”, di De Prado, “mesmo hai quen traballa para dúas compañías diferentes, en horarios distintos, por horas, para completar un salario digno. Eses téñense que mudar de roupa no aparcadoiro. Quito a da compañía tal e poño a desta outra... Aí se cambian, no coche”. 

Manifestación traballadoras e traballadores de empresas do aeroporto de Labacolla (1).jpgO conflito no aeroporto de Compostela decorre paralelo ao que están a vivir en Asturias –“alí esperaron a que lles pecharan a cantina para mobilizar á xente” – e ás folgas destes meses en Barcelona e do persoal de Ryanair

Un 30% das mil empregadas e empregados do principal aeroporto galego non chegan aos 500 euros de salario, din os sindicatos. Os sindicatos mantiveron o conflito nunha intensidade baixa. Montaron unha coordinadora dos distintos comité de empresa e lograron do Parlamento galego unha proposición non de lei en apoio das súas reivindicacións. Nunha das marchas simularon un ‘pic-nic’ diante da terminal; noutra, un enterro. Agora están a organizar unha folga con paros de 6 horas (de 4:30 a 10:30) para tres días.

“Haberá cancelacións, seguro, e atrasos nos voos”, advirte De Prado. Cada empresa fixará os seus propios servizos mínimos. O habitual noutras convocatorias foi que non se presten servizos de limpeza nin de cafetería. “Teremos unhas 30 saídas a diario e outras tantas chegadas. Iso só nos voos regulares; despois están os privados, as avionetas, os aerotaxis... Loxicamente os Canadair, os avións contra incendios, seguirán operando. Veremos que servizos mínimos fixan, mais o normal que haxa cancelacións”.

Os plans para a cantina remataron coa paciencia das traballadoras e traballadores. Cinco meses máis tarde, Aena segue sen sentarse a negociar. “É como xogar un partido de frontón ti só”.

As reivindicacións foron aumentando. Primeira, que a cantina siga igual. Segunda, que as empresas contraten persoal para facer fronte ao incremento da carga de traballo. Terceira, aparcadoiro gratuíto para empregadas e empregados. Cuarta, recuperar o servizo de enfermaría. Quinta, máis persoal no horario nocturno.  

“Todo vén desde a privatización de Aena, empezaron reducindo un pouco o servizo nocturno e as horas da enfermaría, logo outro pouco, logo máis, e así até que a xente rebenta por unha cousa que parece menor, a cantina, pero que fai parte de todo iso”, conclúe De Prado.

Comentarios