As 'Kellys' rebélanse en Compostela

O despedimento de dúas camareiras de piso dun hotel en Compostela reabre o debate sobre a situación nesta profesión. O comité de empresa inicia unha serie de mobilizacións co obxectivo de que as readmitan. Desde a dirección do estabelecemento falan de que a protesta é algo "persoal". 
Concentración diante do hotel Puerta del Camino (Riobó Prada)
photo_camera Concentración diante do hotel Puerta del Camino (Riobó Prada)

O despedimento improcedente de dúas camareiras de piso do hotel compostelán Puerta del Camino reabre o debate sobre a problemática desta profesión no noso país. O comité de empresa deste estabelecemento (con representación de CIG, CCOO, CUT e UXT) iniciou esta quinta feira 6 de febreiro unha serie de mobilizacións para demandar a súa readmisión e denunciar a situación laboral que viven nese departamento. 

Na concentración participaron, ademais de membros do comité de empresa, compañeiras e compañeiros do hotel e a asociación Kelly's Unión Galiza, as traballadoras despedidas. Unha delas, Inmaculada, levaba catro anos traballando no hotel Puerta del Camino. "Houbo unha enquisa anónima a finais de setembro de 2019 e nela pedían que puxéramos como era o noso traballo e que opinábamos da nosa responsábel de planta", conta a Nós Diario. Esta traballadora, amparada na iniciativa anónima, respondeu sen omitir ningún detalle. "Expliquei que cada día faciamos as 17 habitacións, o noso traballo, mais logo tíñamos que ir botar unha man noutros pisos para axudar as que tardaban máis", relata, "había que sumarlle ir buscar a roupa das habitacións e os complementos que levan en cada unha", engade.  A outra traballadora despedida, Concha, levaba menos tempo na empresa. "O noso despido foi por dicir como era a nosa xefa de departamento", asegura a Nós Diario, "faltounos ao respecto, insultounos e tratounos como merdas", asegura.

Contrato fixo descontinuo 

Desde o comité de empresa aseguran que este departamento ten moita rotación de persoal, a diferenza doutros que contan cun cadro de persoal estábel. É moi habitual a contratación a través da fórmula de fixa descontinua e a traballadora incorpórase cando a empresa decide que ten máis necesidades. Cando non a chaman ten que estar na casa agardando pola seguinte incorporación. Foi nese período do pasado mes decembro cando recibiron a carta de despedimento. "Non entendemos nada", explica Concha, "xa daban por sentado que era improcedente e mesmo nos dixeron que podían recomendarnos a outros hoteis". 

As traballadoras pensan que o seu despedimento foi unha represalia polas opinións que puxeron na enquisa anónima.  "Cortaron dúas cabezas para que non protestaran outras", asevera Inmaculada.

A empresa cre que a protesta é algo “persoal” 

O director do hotel Puerta del Camino, Lalo Crespo, asegura a Nós Diario que os dous despedimentos foron "unha decisión operacional de empresa a través do Departamento de Recursos Humanos". Segundo o responsábel das instalacións, prescindiron das traballadoras "por non encaixar" dentro do Departamento de Recursos Humanos. En relación ás denuncias sobre a actitude da gobernanta, sinala que "fixemos uns procedementos internos tempo atrás e non se detectou nada". 

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube

Comentarios