O IX Congreso de STEG avala a unidade de acción sindical

O sindicato continúa a súa aposta innegociábel por un ensino público, de calidade, feminista, galego e laico.
IX Congreso  de STEG en Lugo (STEG)
photo_camera IX Congreso de STEG en Lugo (STEG)

O STEG celebrou este 22 e 23 de novembro en Lugo o seu IX Congreso baixo o lema 'Repensando o noso ensino público'. Foi no IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, onde se deron cita máis de 100 docentes do propio sindicato, ademais de representantes doutras organizacións do país e do resto do Estado -Euskal Herria, Illes Balears, Catalunya, Asturies, País Valenciá- así como de Portugal.

O Congreso fixou as posicións do STEG para os vindeiros catro anos e escolleu o novo equipo das diferentes áreas do sindicato e nomeou a nova comisión permanente. Os cargo aprobados foron Lois Pérez na comisión de organización; Carmen Anllo como responsábel de acción sindical; José Manuel Cabezudo será o secretario de Finanzas; Francisco Castro como secretario de confederación; e Cristina Asenjo a cargo da secretaria de Muller.     

O Congreso fixou as posicións do STEG para os vindeiros catro anos

O secretario de organización, Lois Pérez, sinalou a Sermos Galiza "avances importantes dentro da asemblea de mulleres" e a nivel de acción sindical como "a unidade dos sindicatos do ensino nas mobilizacións destes últimos días e na folga xeral prevista para o vindeiro 12 de decembro".

"STEG ten que servir ao que serviu estes anos", explicaba Lois Pérez, "a nosa aposta innegociábel é por un ensino público, de calidade, feminista, galego e laico".

No Congreso as persoas que levaron máis de 25 anos afiliadas ao STEG recibiron unha homenaxe e houbo intervencións das organizacións convidadas na clausura (steilas, USTEC, ST-PV, Confederación Intersindical, CUT, Sindicato Ferroviario, CIG e FemProf de Portugal).

Comentarios