Instan perto de 1.600 operarias de Bosch en Vigo a parar tres días pola "precarización laboral"

A CIG destaca que estes paros no servizo de chamadas da firma "son unha medida de presión e protesta ante a intención da empresa de modificar as condicións laborais de 400 traballadores".
Unhas instalacións da marca para a que traballan perto de 1.600 persoas en Vigo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Unhas instalacións da marca para a que traballan perto de 1.600 persoas en Vigo. (Foto: Nós Diario)

Arredor de 1.600 persoas empregadas do servizo de chamadas que a firma Bosch ten en Vigo foron convocadas a secundar tres xornadas de folga como denuncia fronte á "precarización laboral" a que poderían ser sometidas se a compañía mantén os seus plans, segundo os sindicatos.

A representación laboral acusa a empresa de querer impor "unha modificación substancial" das condicións dos postos de traballo que afectaría perto de 400 operarias.

A CIG explica que os paros faranse como medida de "presión e protesta" por eses cambios, que afectarán horarios ou implicarán reducións de xornada.

Neste sentido, o presidente do comité de empresa do servizo en Vigo, Xulio Paramos, destaca que ademais a mudanza pretende levarse a cabo "sen respectar a concreción horaria por garda legal".

Un ERE previo

O presidente do comité apunta a unha decisión previa da compañía, que quería despedir 90 empregadas a través dun Expediente de Regulación de Emprego (ERE), como orixe do novo plan de "precarización".

En aquel momento alegábase "unha suposta adaptación do persoal ás necesidades dun servizo pendente de concurso, mais finalmente retirouse ese ERE. As solucións que propoñen agora "supoñen precarizar aínda máis as condicións de traballo", polo que a CIG xa advertiu da súa postura contraria.

Os paros serán de 24 horas e están previstos para esta cuarta feira, 5 de xaneiro; na sexta feira, 7 de xaneiro; e a próxima segunda feira, 10 de xaneiro.

Comentarios