Inspección de Traballo levanta acta de infracción a Urbaser por contratar furagreves

Após a denuncia presentada polo comité de folga Inspección de Traballo sinala que a concesionaria cometeu unha infracción por vulnerar o dereito a folga do plantel ao contratar persoal foráneo para recoller os desperdicios. 

Urbaser
photo_camera [Imaxe GIC Lugo - A Mariña]

A folga do lixo en Lugo continúa adiante e vai para un mes desde que comezou. Empresa e traballador@s non alcanzaron até o momento ningún acordo e o conflito comeza a enquistarse. As demandas do plantel de Urbaser son claras: consolidación nas táboas salariais do novo convenio colectivo dos 600 euros pagados en 2012 e 2013. Aliás, reclaman o fin da eventualidade e a creación de contratos indefinidos, nomeadamente para @s traballador@s de maior antigüidade.

Porén, a empresa non dá o seu brazo a torcer e encetou unha campaña, denuncian desde a CIG, encamiñada a "desestabilizar" e "dividir" o cadro de persoal. Neste senso, as centrais sindicais (UGT, CIG e USO) critican que a empresa concesionaria da recollida de lixo colase "polos camións unha nota coa proposta de convenio que levou á mesa de negociación a semana pasada". Así as cousas, acrecentan, "fracasa no intento pois a plantilla xa estaba informada desa proposta e xa a valorara en asamblea". 

A proposta feita pola empresa é recoller no convenio un incremento salarial correspondente á suba do IPC mais para @s operari@s "aínda de aplicar o 0,455 de suba estarían a baixar o salario en arredor dun 2%" ao se realizar en base ao pagado en 2011. 

As centrais sindicais valoran presentar unha demanda penal

A Urbaser as cousas póñenselle complexas. De feito, nesta segunda feira, Inspección de Traballo redixiu unha acta de infracción contra a empresa por contratar persoal alleo a Lugo para retirar os desperdicios acumulados nos días 27 e 28 de xuño. O organismo recoñece que nestas xornadas empregad@s en folga percorreron as rúas para limpar os puntos considerados "de risco" como vén facendo o cadro de persoal desde o inicio da folga. Mais tamén, detectou a contratación "doutros procedentes doutras provincias" o que suporía unha vulneración "durante a situación de folga legal". 

Asemade, Inspección pronúnciase a respeito da contratación de Tragsa por parte do Concello de Lugo. Servizos que, sinala na súa acta, son "alleos ao ámbito das relacións laborais entre folguistas e empresario titular" polo que deberán recorrer a outras vías xudiciais para "dilucidar posíbeis responsabilidades na orde xurisdicional do social, contencioso-administrativo e penal". 

Os servizos xurídicos da CIG, UGT e USO están a estudar, segundo puido saber Sermos Galiza, posíbeis demandas penais contra Urbaser. Da mesma maneira, afirman que de continuar a situación presentarán demanda perante o xulgado de garda "instando a paralizar os traballos feitos con esquirois". 

Esta terza feira (7 de xullo) o persoal volveu concentrarse ás portas do concello para após a asemblea diaria que desenvolven na Casa sindical.

Comentarios