Inspección di que a volta do persoal aos centros educativos o 11 de maio foi "improcedente"

"Chamamos a atención sobre un comportamento claramente improcedente da administración educativa e de desprezo ao persoal docente e non docente dos centros educativo", indican desde CIG-Ensino, que deu a coñecer a noticia.

As escolas, baleiras, agardan pola rapazada (Foto: Nós Diario).
photo_camera Non hai data proposta para a volta dos alumnos ás aulas (Foto: Europa Press)

O pasado 11 de maio a Consellaría de Educación "obrigou a integrantes das equipas directivas e a persoal non docente a incorporarse aos centros educativos para tarefas de hixiene e de trámites administrativos, coa reapertura do proceso de admisión nos centros para o curso 2020/21".

A CIG-Ensino amosouse contraria a esa reincorporación por non asegurar  “claras garantías sanitarias”, e denunciou á Consellaría de perante a Inspección de Traballo porque "a reincorporación naquela altura non foi negociada, como era preceptivo, coa representación sindical", xa que as recomendacións publicadas "non tiñan carácter normativo nin soporte legal ningún e porque, desde o punto de vista do sindicato, dificultaban a xestión das posíbeis dispensas do persoal, ao forzar  a burocracia e obrigar a se incorporar ao posto de traballo".

Agora, 11 días despois, a Inspección confirma a denuncia da CIG-Ensino, informando de que xa o propio día 12 de maio remitiu dilixencia á Consellaría para que nun prazo de 48 horas acreditase se estaba a cumprir coas obrigas legais. A Consellaría deu resposta á Inspección con data do 15 de maio cun “pequeno informe e un documento xenérico relativo ás recomendacións sanitarias”.

A Inspección de Traballo afirma agora que “non resulta acreditado o cumprimento das obrigas nesta materia -seguridade e saúde laboral-, polo que se procede á práctica de proposta de requerimento para o cumprimento dos dereitos de información da RLT -representación legal das e dos traballadores- e de advertencia de xustificar a adopción das recomendacións emanadas das autoridades sanitarias".

"Desde o sindicato chamamos a atención sobre un comportamento claramente improcedente da administración educativa e de desprezo ao persoal docente e non docente dos centros educativos", conclúen desde CIG-Ensino.

Comentarios