xoves 01/10/20

Sen información sobre o protocolo de seguranza dos xornaleiros ou os "entre 3.000 e 4.000" test de cara a vendima

Núñez Feixoo anunciou o 19 de agosto a aprobación do protocolo para explotacións agrícolas con traballadores temporeiros, porén os sindicatos agrarios non teñen información ao respecto. Medio Rural sinala que é a Consellaría de Sanidade a responsábel de aplicalo, mais esta non respondeu as cuestións de Nós Diario sobre como se levarán a cabo as probas.
Vendima
Vendima

A Xunta da Galiza informou esta semana da aprobación definitiva do protocolo de explotacións agrícolas con traballadores temporeiros. Na rolda de prensa que seguiu onte á reunión do Comité clínico, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, asegurou que o "obxectivo é incrementar a seguridade sanitaria nas campañas, conxugando a continuidade coa saúde dos traballadores".

O líder do Executivo galego agregou que a partir do 20 de agosto se realizarían tests de do coronavirus entre as 3.000 e 4.000 persoas "que están contratadas ou van ser contratadas" basicamente para a vendima. "Unha actividade moi importante na nosa comunidade, estamos preparados para o efecto", valorou Núñez Feixoo.

Na súa intervención, o presidente en funcións non detallou como se organizará a realización das probas. A maiores, o protocolo aprobado polo Comité clínico non foi publicado no Diario Oficial da Galiza do día 19, no que se recollen algunhas das medidas de dito comité nunha publicación extraordinaria, nin  tampouco no do día 20, no que se comezarían a realizar as probas. Tampouco é accesíbel nos portais das Consellarías de Medio Rural nin de Sanidade.

Cuestionado ao respecto por Nós Diario, Medio Rural respondeu que carece de información ao respecto, pois é o departamento de Sanidade o encargado desta cuestión. En tanto, o segundo non respondera as preguntas deste medio ao feche desta edición.

Nin Unións Agrarias nin o Sindicato Labrego Galego recibiron información acerca do protocolo; tampouco as bodegas consultadas. Desde Unións Agrarias apuntan a que "todo traballo que se leve a cabo para mellorar as condicións de seguridade do persoal é ben recibido", matizando que na Galiza as probabilidades dun foco durante a vendima son máis difíciles: "O persoal non pernocta nas explotacións, onde se adoitan producir os contaxios, senón que regresa aos seus fogares".

Na Galiza detectouse un único foco de coronavirus relacionado con xornaleiros, que participaban na campaña de recollida do amorodo. Neste caso, rexistráronse un total de seis positivos, todos correspondentes a traballadores. Os seis compartían un edificio co resto do persoal e tiveron que ser trasladados por seguridade. 

comentarios