Industria convoca ao comité de empresa de Alcoa San Cibrao a vindeira terza feira

O paso adiante do Ministerio que dirixe Reyes Maroto levou o comité de empresa da planta de San Cibrao a desconvocar a manifestación prevista para este domingo en Lugo.

Protesta do cadro de persoal de Alcoa o pasado mes de novembro en Lugo, na que pedía a intervención da planta de San Cibrao (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Protesta do cadro de persoal de Alcoa o pasado mes de novembro en Lugo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

O Ministerio de Industria, Comercio e Turismo vén de notificar ao comité de empresa de Alcoa San Cibrao a unha reunión coa titular do departamento, Reyes Maroto, a próxima terza feira, 29 de xuño.

Segundo explican os representantes dos traballadores nun comunicado, o chamamento de Industria levounos a desconvocar a manifestación prevista para este domingo en Lugo.

Con esta decisión, os traballadores queren evitar verse "utilizados como escusa á hora de tentar chegar a unha solución" ao conflito que arrastra xa máis dun ano de incerteza, desde que Alcoa anunciou a súa intención de executar un despedimento colectivo que, no entanto, foi anulado posteriormente pola xustiza.

Posíbel venda

Ademais da reunión entre o comité e a ministra do día 29, o mércores 30 está convocada unha nova reunión multilateral sobre a situación da factoría e a súa posíbel venda.

Esta é a segunda ocasión na que se impulsan as negociacións para tentar vender a planta de aluminio da Mariña a un terceiro. A primeira, no outono pasado, terminou frustrada. Agora, a presenza ou non da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) como mediadora na operación foi un dos puntos chave nos que estaban en desacordo a compañía e o Goberno.

Esta discrepancia garda relación coa sentenza condenatoria que acaba de ditar a Audiencia Nacional sobre Alcoa tras a venda das factorías da Coruña e Avilés. Este feito, segundo a empresa, condiciona a súa situación en España, ao pór en evidencia, ao seu xuízo, as dificultades de vender unha planta inviábel desde o punto de vista "estrutural". Pola súa banda, os traballadores remarcan que a fábrica de Cervo xera beneficios.

Comentarios