Denuncian que Inditex reduce conciliación e seguridade sanitaria nas tendas en plena pandemia

A multinacional de Amancio Ortega está a mudar as condicións laborais do cadro de persoal das súas tendas impedindo a conciliación, segundo denuncia o Comite de Empresa de Zara, para obter máis beneficios. A conciliación familiar e a seguridade sanitaria son os ámbitos máis prexudicados.
Concentración o pasado 22 de xaneiro diante da tenda de Zara Home en Compostela (Nós Diario)
photo_camera Concentración o pasado 22 de xaneiro diante da tenda de Zara Home en Compostela (Foto: Nós Diario)

O persoal das tendas de Inditex vén denunciando desde hai meses que o Grupo téxtil de Amancio Ortega está aproveitando a actual situación pandémica para recortar en dereitos laborais e agrandar os beneficios empresariais. Por este motivo convocouse unha concentración este sábado 13 de febreiro ás 12 horas diante da tenda de Zara na rúa Compostela da Coruña.

"Aproveitan a situación da Covid-19, veulle moi ben", asegura en declaracións a Nós Diario a secretaria de acción sindical da CIG-Servizos e presidenta do comité de empresa, Carmiña Naveiro. Denuncia que as decisións que empeoran a súa situación laboral "non as toman na central nin en loxística, fano na xente das tendas e pasa en todo o Estado español". Por ese motivo, afirma que en Inditex "sanean a empresa a conta das propias traballadoras e traballadores que estamos en contacto con clientas e clientes". 

Cambios de horarios e imposición de quendas

As diferentes cadeas do Grupo Inditex están a modificar os horarios de traballo do seu persoal nas tendas indicando que é para facer "quendas estanco" nas que non coincidan con outro persoal diferente nos estabelecementos.

"Os grupos burbulla só funcionan cando lles interesa", asegura Naveiro. Pon como exemplo as obras que se están a realizar desde o día 1 de febreiro nunha das tendas da Coruña, "cun grupo de operarios que traballan en quenda de noite mais que coinciden tamén persoal  traballador de mañá ou de tarde". 

Outro exemplo é o da tenda Lefties do centro comercial Marineda City, na Coruña. A sindicalista explica que nese estabelecemento "meteron un equipo de servizos xerais, onde nunha quenda de quince persoas, oito estaban contaxiadas esa mesma semana". Casos semellantes acontecen, segundo a CIG, "cando queren pór bonita unha tenda e realizan obras, non o fan pola nosa seguridade e a nosa saúde". 

Pola contra, desde a central nacionalista solicitaron que se fagan probas PCR a todos os contactos achegados no lugar onde hai positivos, "porque eles mesmos agochan os contactos estreitos", explica Naveiro.

Neste sentido, denuncia que na multinacional "prima a venda sobre a nosa seguridade e a nosa saúde, aínda que supoña un risco, mesmo para a propia clientela". Non entende como "seguen abertos os probadores, un espazo que para nós non deixa de ser un lugar que pode ser un foco, onde a xente se cambia, pode esbirrar e quitar a máscara". 

Imposibilidade de conciliar

As tendas das cadeas de Inditex están fortemente feminizadas. Desde a CIG sinalan que un 98% do seu persoal son mulleres, "menos nos postos de responsabilidade, onde sempre hai máis homes". Naveiro explica que mentres desde Inditex "venden que son unha empresa que facilita a conciliación e que teñen unhas medidas para favorecer ese aspecto, a realidade é outra".

Coa aplicación dos novos calendarios, os horarios mudaron e hai traballadoras que se viron "obrigadas mesmo a reducir máis a súa xornada laboral ou a acollerse a unha excedencia temporal para poder coidar das fillas ou dos fillos". Ademais, denuncia que se eliminou a compensación por "exceso de xornada", que se traduce na perda de aproximadamente 300 euros ou de tempo de libranza para cada traballadora. 

O perigo das caixas de autocobro

En outubro de 2019 a CIG denunciaba "os perigos" da implantación das caixas de autocobro nas tendas do Grupo Inditex. "Avisamos que remataría cunha perda importante de postos de traballo", sinala a sindicalista. Desde a central nacionalista teñen claro que coa pandemia a multinacional aproveitou para "acelerar moito" este método que aforra á empresa postos de traballo. Sen as actuais circunstancisa "tardaría uns dez anos en chegar a todas as tendas".

A CIG xa ten constancia de que até abril fecharán os locais de Maximo Dutti do centro comercial Marineda City na Coruña, Kiddy’s Class de Cee, Zara Home do Centro Comercial As Cancelas (Compostela), Uterqüe de Compostela, e as tendas de Maximo Dutti de Lugo e Ourense.  

A venda en liña aumenta a carga de traballo nas tendas

O anuncio do ano pasado por parte do presidente da compañía, Pablo Isla, dun plan para que os vindeiros dous anos se conseguise a transformación dixital e a actualización da plataforma integrada de tendas indicaba a nova aposta de Inditex pola venda en liña. Veu acompañado de grandes investimentos, máis de 2.700 millóns de euros, mais sen atender as demandas laborais das tendas.

Desde a CIG non discuten ese novo modelo mais deixan claro que “o sistema que teñen somos nós, as traballadoras das tendas, as que buscamos as prendas e empaquetamos”. Este aumento de carga de traballo, explica Carmiña Naveiro, “non se tivo en conta e mesmo tivemos que denunciar algunhas cadeas a Inspección para que contrataran novo persoal”. 

Comentarios