Operarios galegos din sofrer "explotación" na montaxe de tendas de Zara en Zurich

Operarios da construción que traballan na instalación dunha nova tenda de ZARA en Zurich levan 4 días de paro denunciando a explotación laboral á que, din, os somete Inditex. Denuncian xornadas laborais de 12 horas diarias e dumping salarial após percibiren 900 euros ao mes, condicións que violan os convenios colectivos do sector. 

suiza2
photo_camera [Imaxes: UNIA]

Isto é o que está a acontecer en Bahnhofstrasse (Zurich) onde arredor de 50 operarios galegos --mais tamén portugueses e andaluces-- iniciaron esta segunda feira (24 de febreiro) un paro na construción da nova tenda que abrirá ZARA na capital suíza. Através dunha filial do imperio téxtil fundado por Amancio Ortega, Goainvest, os operarios foron contratados en condicións precarias que vulneran o convenio colectivo fixado polo país. 

Con salarios de entre 900 e 2.000 euros ao mes --o convenio suízo polo que ha de rexerse a contratación fixa un soldo mínimo de 4.000 francos-- e xornadas laborais superiores ás 60 horas semanais (das segundas feiras ao sábado), os traballadores iniciaron unha folga para reivindicaren os seus dereitos laborais. Organizados arredor do sindicato Unia e, nomeadamente através de Xosé Manuel Abelenda, representante sindical en Suíza, aseguran que se trata dun caso de "dumping salarial" no que "a terceira fortuna do mundo está a explotar os traballadores". 

Após meses recompilando a documentación de ducias de traballadores, a central sindical verificou que os operarios estaban a asinar nóminas que reflectían menos horas das que en realidade traballaban. Aliás, explica Xosé Manuel en conversa con Sermos Galiza, "tiñan todo moi preparado para unha inspección". E é que a filial de Inditex obrigaba os operarios a declarar que percibían un salario maior e traballaban menos horas, "se viña o sindicato ou un inspector", subliña. 

"Un multimillonario non pode facer o que lle dea a gana"

Trátase de "traballadores desprazados" que, de acordo coa lexislación laboral suíza, deben ser contratados segundo o fixado polo "convenio do país" á fin de "evitar que os salarios se veñan abaixo", explica Abelenda. Por esta razón, denuncian que a transnacional fundada por Amancio Ortega estaría a cometer un delito de "dumping salarial". 

"Non vale que sexan unha subcontrata", advirte Xosé Manuel, para que Inditex tente lavarse as mans, "a empresa é responsábel e ten que saber" o que acontece en relación cos traballadores que operan na instalación das súas tendas. Neste senso, desde Unia iniciaron unha campaña de socialización do conflito entre os estabelecementos da cidade para denunciaren o réxime de explotación laboral en que se atopan os operarios. 

"A xente ten que ser consciente de que un multimillonario", no concreto a 3ª fortuna mundial, "non pode facer o que lle dea a gana", denuncia Abelenda ao tempo que subliña que, "non é a primeira vez" que acontece pois "cada vez que Inditex abre unha tenda collémolos nun renuncio". De feito, neste último caso, Inditex mesmo desprazou traballadores desde a obra da súa tenda principal a outra "que tamén está parada" froito das mesmas condicións laborais. 

 

Comentarios