A inclusión de xénero nas tecnolóxicas melloraría a economía da UE

O PIB da UE medraría en 600.000 millóns de euros se se duplicase a cota feminina nos empregos tecnolóxicos para 2027.
Unha muller traballando nunha oficina (Foto: Tasty Content).
photo_camera As mulleres ocupan 22% dos postos tecnolóxicos nas empresas (Foto: Tasty Content).

O Produto Interior Bruto (PIB) da Unión Europea (UE) podería aumentar até en 600.000 millóns de euros se duplicase a cota feminina nos empregos tecnolóxicos para 2027, segundo un informe da consultora McKinsey & Company.

Segundo o estudo Mulleres na tecnoloxía: a mellor aposta para resolver a escaseza de talento en Europa, existe unha gran fenda entre homes e mulleres no ámbito da tecnoloxía que inflúe tanto na sociedade como na economía da UE.

Concretamente, as mulleres ocupan só 22% dos postos tecnolóxicos nas empresas, e as áreas con maior presenza feminina nas compañías deste tipo son o deseño e a xestión de produto (46%) e a enxeñería, ciencia e analítica de datos (30%).

Os postos máis demandados na actualidade, que son aqueles relacionados co desenvolvemento de aplicacións e operacións tecnolóxicas, así como coa nube, son precisamente os que contan con menos traballadoras, con tan só 8%. Séguenos as áreas de sistemas (15%) e a enxeñería nuclear (18%).

Ademais, a presenza de mulleres en compañías tecnolóxicas ou empresas adxacentes ao sector tecnolóxico é de 37%, mentres que a cifra diminúe notabelmente nas compañías de semicondutores (24%) e é maior no ámbito das redes sociais (50%) e o comercio electrónico (46%), sendo estes ámbitos os únicos nos que existe paridade.

Nas empresas adxacentes, a área con menor presenza feminina é o da enxeñería e a manufactura, con 31%, fronte á taxa de 39% en telecomunicacións e consultoría informática, segundo o estudo, que recolle os datos de máis de 60 millóns de persoas traballadoras na UE e análises de educación procedentes de diferentes informes.

Liñas de actuación

A consultora sostén que a UE podería aumentar o seu talento tecnolóxico feminino con máis de 1,6 millóns de traballadoras e conseguir que as mulleres representen 40% para 2027 neste ámbito eliminando o nesgo no momento da contratación, facilitando a conciliación familiar, acabando coa fenda salarial, favorecendo o liderado feminino e abordando as razóns culturais da fuga do talento das mulleres. 

Ademais, o estudo desenvolto pola consultora McKinsey & Company propón actuar sobre catro piares fundamentais no sector: redistribución, reformulación, retención de talento e redimensión.

Comentarios