Inciden na necesidade de recuperar o talento sénior na Galiza

O avellentamento da poboación golpea o mercado laboral. 15% das persoas desempregadas na Galiza supera os 55 anos, e boa parte delas non conta con volver traballar. Entidades como Adecco e Seres apostan por mellorar a súa empregabilidade e evitar así unha transición precaria cara a xubilación.
Tres de cada catro persoas desempregadas maiores de 55 anos non conta con atopar traballo antes da súa xubilación (Foto: Óscar Cañas / Europa Press).
photo_camera Tres de cada catro persoas desempregadas maiores de 55 anos non conta con atopar traballo antes da súa xubilación (Foto: Óscar Cañas / Europa Press).

O reto demográfico é un dos factores chamados a condicionar o futuro do mercado laboral galego. Na actualidade, por cada 100 menores de 16 anos contabilízanse 202 persoas maiores de 64, unha proporción que case duplica a media do Estado español, que se sitúa en 125 maiores de 64 anos por cada 100 menores de 16.

Os primeiros efectos deste desfase xa se están a deixar notar. Segundo datos da Fundación Adecco e a Fundación Seres, na Galiza hai 22.100 persoas desempregadas maiores de 55 anos. Representan 15% do total, cando hai unha década eran 9% do global de persoas sen emprego. Trátase, segundo denuncian estas institucións, dun colectivo que atopa "grandes obstáculos de acceso ao emprego" e que non albisca moitas esperanzas de retomar a súa actividade laboral. De feito, 75% das persoas desempregadas maiores de 55 anos asumen que non van volver traballar

Como indica Ana Sainz, directora xeral da Fundación Seres, "as contornas laborais non se adaptan a un capital humano máis maduro, o que produce unha sobrecarga no sistema de protección social que afoga as arcas públicas e mingua a calidade de vida da poboación".

Sainz destaca que este comportamento se afasta das directrices europeas fixadas na Axenda 2030, que estabelece como obxectivo estratéxico recoñecer os traballadores e as traballadoras sénior como "indiscutíbeis axentes activos de crecemento e prosperidade social".

Talento dispoñíbel

Nesta mesma liña, o director xeral da Fundación Adecco, Francisco Mesonero, recoñece que "a nosa forza laboral envellece, mais seguimos ancorados en modelos arcaicos que conducen á discriminación por idade, un contrasenso que pon en xaque a competitividade do país". 

"Os profesionais sénior teñen unha representación cada vez maior na forza laboral dispoñíbel. Se non se acometen medidas contundentes, Galiza poderá renunciar a este talento, que hoxe representa 15,5% dos desempregados, mais que seguirá crecendo nos próximos anos, ante un envellecemento que avanza de forma imparábel e unha progresiva activación da poboación maior de 55 anos", apunta Mesonero.

Transición precaria á xubilación

Á vista destas consideracións, o envellecemento da poboación convértese nun "asunto de Estado" e, polo tanto, reclama da Administración pública a posta en marcha de políticas que melloren, de forma prioritaria, a activación e inserción das persoas desempregadas maiores de 55 anos, "de modo que os seus períodos de desemprego non se convertan en transicións precarias á xubilación, senón nunha etapa plenamente efectiva para conectar cun mercado laboral en continuo cambio".

Para facilitar esta transición, ámbas as dúas institucións, coa colaboración de representantes de empresas como CaixaBank, DKV, El Corte Inglés, Fundación Endesa, Lee Hecht Harrison, Sacyr, Santalucía ou Seur, veñen de presentar o Libro Branco para a xestión do talento sénior no Estado español, un documento que expón como algúns dos instrumentos fundamentais o desenvolvemento dunha estratexia de activación do talento sénior, a vinculación de prestacións e subsidios a programas de empregabilidade ou o reforzo das políticas activas de emprego e da colaboración público-privada, entre outras propostas.

Mais para o cambio de paradigma tamén é necesaria a colaboración do colectivo implicado. Así, a publicación considera os propios profesionais maiores de 55 anos como "axentes impulsores de cambio" e acredita que é este colectivo o que debe protagonizar "unha revolución íntima" que o leve a loitar "contra a pasividade" e a mobilizarse para conectar cunha realidade en continua evolución. "Interiorizar a aprendizaxe permanente, apostar por novas fórmulas de traballo ou conectar cos nichos de emprego emerxentes son algúns dos retos para as profesionais maiores de 55 anos", apuntan os seus impulsores.

O que está claro é que o envellecemento da poboación terá un impacto directo en case todos os sectores da sociedade, desde o mercado laboral, pasando polo financeiro (sobre todo nas pensións) ou na estrutura das familias, polo que a promoción do talento sénior será unha das chaves da xestión da diversidade empresarial. "Só aquelas empresas que integren a xestión do talento sénior no seu cadro de mando poderán liderar o mercado e perdurar no tempo", conclúe Ana Sainz, quen confía en que se superen as barreiras existentes para a facilitar a empregabilidade deste colectivo.

Comentarios