luns 26/07/21

Incerteza no persoal de R Cable diante do novo panorama con MasMovil

Un dos maiores orgullos das telecomunicacións na Galiza, R Cable, volve ter un futuro incerto ao pasar a depender de MasMovil, propiedade de varios fondos de investimento. A representación sindical analizou a pouca información que teñen e opinou sobre as intencións desta empresa con sede en Madrid.
Sede principal de R Cable no polígono da Grela, na Coruña (ElisardoJM).
Sede principal de R Cable no polígono da Grela, na Coruña (ElisardoJM).

A Oferta Pública de Adquisición (OPA) de MasMovil ao Grupo Euskaltel, anunciada o 28 de marzo e aprobada pola compañía vasca este pasado 12 de xullo, continúa a causar incerteza entre o cadro de persoal de R na Galiza. A compra contou, daquela, con informes favorábeis que decantaron a súa aprobación por parte da Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) e a propia Euskaltel, co aval de importantes asesores como JP Morgan e Citi, mais non acabaron de convencer á representación sindical que decidiu facer unha valoración ben diferente.

"MasMovil non dá ningún tipo de garantía efectiva sobre o emprego polo que sabemos", explica o presidente do Comité de Empresa de R, Javier Gómez, a Nós Diario, "por este motivo decidimos emitir o noso propio informe en base ao que nos comunicou a CNMV", engade. Na actualidade o cadro de persoal que traballa na Galiza é de 150 traballadoras e traballadores directos e ao redor duns 1.000 indirectos, unha cifra non menor que depende das decisións que tome agora MasMovil, unha compañía que non conta consindicatos nas súas filiais. 

Valoración da información de MasMovil

No informe da representación do cadro de persoal do Grupo Euskaltel, ao que tivo acceso Nós Diario, as e os responsábeis sindicais valoran "como positivo a unión dos Grupos MasMovil e Euskaltel" como unha decisión que facilita "un maior e mellor posicionamento no conxunto do territorio estatal" e sempre mantendo "as marcas  Euskaltel, R, Telecable e Virgin Telco" mais observan "elementos altamente preocupantes" nos termos aos que se compromete esta empresa en relación ao emprego e as súas condicións para o futuro.

Aínda que MasMovil recoñece "a implantación das marcas nos seus respectivos territorios", como é o caso de R Cable na Galiza, e a importancia do seu persoal "como un dos seus activos principais", a representación sindical detecta "certa indefinición ao falar de Euskaltel como empresa ou como Grupo (neste caso afectando tamén á marca galega).

Botan en falta unha aposta seria de manter os postos de traballo por parte de MasMovil cando asegura "esperar  manter os postos de traballo do Grupo  Euskaltel", unha afirmación que, para as e os traballadores, "mal se considera un firme compromiso". Polo contido do folleto informativo facilitado por MasMovil, única información até o momento da representación laboral, "resulta inadmisíbel que o compromiso de non execución de expedientes de regulación de emprego (ERE) non inclúa ao persoal da Galiza e Asturies, tanto pola discriminación que implica como pola infravaloración que delas se fai" cando as compara coas da empresa Euskaltel. 

Tampouco se fían da afirmación de MásMovil de non realizar un ERE "no prazo de cinco anos"  e sinalan que o compromiso que aquí se analiza faise descansar no que denominan "suxeición ás condicións do mercado", o que é tanto como "estar suxeito á interpretación e intención que en cada momento teña a hoxe oferente, con independencia do prazo comprometido". 

O persoal exixe garantías

O informe da representación sindical remata coa exixencia por parte da representación sindical de que "non se extingan os contratos de traballo por causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción", apelando ao Estatuto da e dos Traballadores, coa excepción dos "negociados e acordados coa Representación das e dos Traballadores".

Ademais rexeitan "procesos de  externalización de actividades que impliquen unha diminución do volume de emprego actual" e "manter os actuais centros de traballo" evitando a "mobilidade xeográfica provincial e  interprovincial con carácter forzoso, non abordándose procesos de deslocalización ou concentración de actividades". Por último demandan manter "as actuais condicións laborais" a non ser que se inicie "a negociación colectiva".

Gómez recoñece que agora o proceso está en mans dos accionistas. En todo caso resérvanse a posibilidade de mobilizacións no caso de que desde a nova dirección decidan realizar despedimentos. 

comentarios