Os incentivos empresariais centran o Plan de emprego xuvenil da Xunta

O goberno galego deu luz verde no Consello da Xunta ao Plan de emprego xuvenil 2014-2015. O programa visa "loitar contra o paro entre os menores de 30 anos" con "incentivos á contratación".

feijóo
photo_camera [Imaxe: Xunta de Galiza]

A conselleira de Traballo presentou en comparecencia de imprensa após o Consello da Xunta as liñas fundamentais do plan de emprego xuvenil 2014-2015 aprobado polo executivo galego. A medida, que xa fora anunciada por Alberto Núñez Feijóo a comezos da semana, visa "loitar contra o desemprego entre os menores de 30 anos" --unha das faixas de idade máis atinxidas polo paro que se sitúa xa perto do 50%. 

Con este obxecto, o executivo destinará 100 millóns de euros dirixidos a financiar as 19 medidas que compoñen o plan e que irá destinado, nomeadamente, á mocidade con "escasa ou nula cualificación", indicaron desde a Xunta, "dado que supoñen o 60% do total de parados mozos galegos". 

Así, as principais novidades que compoñen este programa son:

1. Regulación de prácticas laborais para moz@s con estudos universitarios ou de Formación Profesional. A Xunta de Galiza, através da Consellaría de Traballo, financiará as súas prácticas en empresa "durante nove meses". 

2. Novos incentivos para a contratación. O executivo galego creará unha liña de financiamento dirixida a incentivar a contratación con "axudas de 200 euros mensais até o límite dun ano". Tamén así, a Xunta porá en marcha un novo incentivo (100 euros mensais até un tope dun ano) "para apoiar o contrato de formación e aprendizaxe", unha fórmula contractual creada pola reforma laboral do goberno español. Estas achegas públicas serán percibidas polas empresas que contraten persoas menores de 30 anos. 

3. Promoción de emprego autónomo e cooperativo. A Xunta creará unha liña de financiamento específica para a "promoción do emprego autónomo" entre @s menores de 30 anos e o programa Xuventude coop. composto por un "conxunto de actuacións especialmente dirixidas á mocidade para o fomento do emprendemento cooperativo como saída laboral". Neste senso o goberno galego creará axudas públicas para a creación de Pemes, accións formativas e de titorización en emprendurismo ou bolsas de promoción exterior. 

Comentarios