Cinco naves completamente calcinadas nun incendio nun polígono de Mos

As naves pertencen a seis empresas de transporte, do sector téxtil, de embalaxe e de carretillas elevadoras. Agás dúas das naves, das outras "non quedan nin as portas".

O lume rexistrouse contra as 4.15 horas. (Foto: @martaftapias)
photo_camera O lume rexistrouse contra as 4.15 horas. (Foto: @martaftapias)

Un total de cinco naves quedaron calcinadas por completo nun incendio declarado na madrugada deste domingo no Polígono do Rebullón, no concello de Mos, que xa foi controlado contra as 10 horas, aínda que polo momento non está extinguido.

A alcaldesa da localidade, Nidia Arévalo, confirmou a Europa Press que as naves calcinadas pertencen a seis empresas de transportistas, do sector téxtil, de embalaxe e de carretillas elevadoras.

A rexedora mosense cualificou os feitos como "unha auténtica desgraza" e unha "traxedia", xa que asegurou que, excepto dúas das naves, que teñen "algo aproveitábel", das demais non se poderá rescatar nada porque "non quedan nin as portas".

Sobre as causas deste incendio, Arévalo quíxose mostrar prudente e precisou que a Garda Civil pediu "prudencia" neste asunto e non caer en especulacións.

A Xunta da Galiza activou pola mañá o Plan Territorial de Emerxencias da Galiza (Platerga) no nivel 1, por mor dun incendio rexistrado no Polígono Industrial do Rebullón, en Mos.

Así o notificou a primeira hora o 112 Galiza, que explicou que no momento de dar a información o incendio xa se dera por controlado. As lapas afectaron un total de cinco naves, sen que rexistrasen danos persoais, malia que se mobilizaron os servizos sanitarios.

A activación do Platerga neste nivel "supón a mobilización de recursos de ámbito local ou supralocal para facer fronte a esta situación de risco e garantir a coordinación entre os organismos mobilizados".

Deste modo, un amplo operativo foi posto en marcha para controlar a extensión dos danos e estabelecer un perímetro de seguridade.

Contra as 4.15 horas, o 112 Galiza recibiu un aviso da Garda Civil alertando dun incendio nunha nave do polígono dedicada ao mantemento de maquinaria da madeira. Ademais, comezou recibir numerosas chamadas de persoas particulares que aseguraban ver saír lume dunha nave do mesmo lugar.

Nada máis ter constancia dos feitos, púxose en marcha un amplo dispositivo para facer fronte ao incendio no que interveñen os Bombeiros de Morrazo, Porriño, Ribadumia e Vigo e os membros do GES de Mos e Val Miñor.

Aliás, no lugar dos feitos atópanse os membros do Grupo de Apoio Loxístico da Axega, que mobilizou unha cisterna cunha capacidade de 25.000 litros para fornecer de auga os medios desprazados e a Unidade de Drons, dotacións do Servizo Provincial de Incendio, así como, os axentes da Garda Civil, Policía Nacional e Local e as autoridades ambientais da Xunta.

Comentarios