A "inacción empresarial" nunha agresión machista alerta da situación laboral da muller

A CIG acusa Prosegur de "encubrir" o agresor dunha traballadora no cambio de quenda. A central nacionalista relata o sucedido e denuncia que a compañía non actuou até agora.
A CIG de Ourense denunciou a agresión machista en rolda de prensa (Nós Diario).
photo_camera A CIG de Ourense denunciou a agresión machista en rolda de prensa (Foto: Nós Diario).

A denuncia en Ourense dunha traballadora da empresa de seguridade Prosegur por un caso de violencia machista e acoso laboral reactiva a alarma social da situación que viven as mulleres na Galiza. "Cada vez hai máis denuncias en varios sectores", recoñece a Nós Diario a secretaria das Mulleres da CIG ourensá, Xulia González. Desta vez o caso presenta unhas características que desde este sindicato nacionalista cualifican de "graves" e deberían servir de reflexión. 

Parte de lesións e intervención policial

A agresión denunciada, tal e como explicou en rolda de prensa o secretario comarcal da CIG-Ourense, Anxo Pérez Carballo, tivo lugar na noite do 20 de agosto no cambio de quenda do servizo de seguridade privada do campus universitario de Ourense, "cando o traballador, despois de entrar xa con mal pé, berrando e insultando, acaba forcexando coa traballadora e intenta incluso atropelala en varias ocasións".

Como consecuencia da agresión, a vítima presentou varios hematomas en distintas partes do corpo, documentados nos partes de lesións realizados no complexo hospitalario universitario de Ourense e no hospital do Carmen. Existe tamén un informe policial, xa que no lugar presentáronse até seis axentes da policía.

"O agresor chegou a arrebatarlle o teléfono móbil á traballadora, mentres que co seu propio dispositivo facía gravacións cando a afectada tiña as mans prendidas nas fiestras do vehículo, ao tempo que lle facía xestos obscenos", explicou Pérez Carballo. 

Prosegur e a violencia machista

O paradoxo é que esta empresa española de seguridade ten entre os seus servizos varios dedicados a evitar casos de violencia machista que anuncia e comercializa. Ademais conta, desde 2019, cun segundo plan de igualdade conforme obriga a lei. Porén, non escapa a casos singulares relacionados, tamén, coa violencia machista.

O pasado mes de abril, por exemplo, o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid fallou a favor dunha traballadora desta compañía que fora despedida após estar de baixa prolongada despois de ser vítima de violencia machista por parte da súa parella sentimental.

"Encubrimento" e "inacción" 

Para a responsábel da Secretaría das Mulleres da CIG en Ourense, á gravidade do sucedido nesta cidade hai que engadirlle a resposta da propia empresa, primeiro cando a agredida se puxo en contacto cun superior xerárquico no momento dos feitos e despois "mantendo o agresor aínda hoxe no seu posto de traballo cando ela aínda está de baixa".

González lamentou que aínda que a Lei Orgánica 3/2007 para a igualdade entre homes e mulleres recolle a necesidade de que existan plans de igualdade nas empresas "en moitas casos,  e este é un claro exemplo, os protocolos son unha mera declaración de intencións e non serven como procedemento de investigación, xa que nin sequera chegan a activarse". Por este motivo reclama “unha actuación inmediata e decidida nos eidos educativo, sanitario, policial, xudicial e laboral”.

Sentenzas de acoso laboral ao dono do McDonald's Ourense

En Ourense, unha das empresas que máis denuncias acumula contra as traballadoras, aínda que non por violencia machista, é a franquía de McDonald’s. Desde 2018 e dunha maneira continuada, o seu propietario foi acusado pola CIG por delitos contra os dereitos das persoas traballadoras, integridade moral e por coaccións. Neste tempo foi condenado varias veces e tivo que desembolsar importantes indemnizacións: unha no Xulgado do Social por danos morais a unha traballadora de 6.250 euros; e outra no Tribunal Superior de Xustiza da Galiza, ratificada logo polo Tribunal Supremo, de 20.000 euros a outra empregada.

A Fiscalía da Audiencia Provincial de Ourense aínda ten abertas dilixencias por varios casos máis. Este mes de xullo xa se deron a coñecer máis sentenzas condenatorias.

Comentarios