Impugnan o ERTE de Vitrasa por “incumprir a lexislación”

O comité de empresa asegura que a aplicación da medida que afecta a 280 condutoras e condutores é unha “chapuza exaxerada”.

Autobuses de Vitrasa (Foto: Nós Diario).
photo_camera Autobuses de Vitrasa

A representación sindical do cadro de persoal de Vitrasa, empresa concesionaria do servizo de transporte urbano do Concello de Vigo, decidiu impugnar o expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) que se lle presentou e remitiulle un informe desfavorábel do mesmo á delegación provincial da Consellaría de Emprego.

A medida afecta a 280 condutoras e condutores e, segundo o comité de empresa de Vitrasa, incumpre a lexislación. Sinalan que non está xustificado o procedemento de forza maior que lles impide negociar. Por este motivo o comité solicitou constituír unha comisión negociadora para acordar os termos do ERTE. O presidente do comité, Imanol Arnoso da CIG, asegura que a solicitude “en ningún momento foi contestada pola dirección”.

Desde o comité informan que Vitrasa asegura que o concello dera instrucións o día 15 de marzo de reducir o servizo en 50%, cuestión que desminte a representación sindical. Tamén sinalan que a empresa non lles facilitou un calendario co persoal e cos servizos que se ían a realizar durante a vixencia do ERTE. Por último, o presidente do comité de empresa cualifica de “chapuza esaxerada” a maneira que ten a empresa de aplicar desta medida.  

"Traballas un día, e vas outro de ERTE para logo estar unha semana de ERTE, e volver traballar un día e outro non", asegura Arnoso. Para o comité d empresa o lóxico sería aplicalo todo seguido.

Comentarios