Accidente no Son do Camiño: un traballador segue na UCI con "prognóstico grave" mais "estábel"

Os outros dous pacientes que continúan hospitalizados están xa "recuperándose" en planta.
Imaxes posteriores ao derrubamento do escenario coa chegada dos servizos de emerxencias. (Foto: Arxina).
photo_camera Imaxes posteriores ao derrubamento do escenario coa chegada dos servizos de emerxencias. (Foto: Arxina)

Continúan hospitalizados no Hospital Clínico de Santiago de Compostela tres traballadores feridos polo derrubamento do escenario principal do festival O Son do Camiño, que se produciu esta sexta feira contra as 13 horas, durante as tarefas de montaxe no Monte do Gozo da capital galega.

Segundo confirmaron fontes da Administración galega a Europa Press, non se produciron mudanzas no prognóstico dos ingresados nas últimas horas.

O operario en UCI, con prognóstico grave, mantense estábel, mentres os outros dous pacientes están en planta "recuperándose". Outros tres feridos xa foron dados de alta.

Este sábado o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, sinalaba que o traballador que se atopa en estado grave "aparentemente caeu desde arriba", mentres que os outros tiveron lesións após caerlles enriba o escenario.

A respecto das causas do accidente laboral, o director xeral pediu agardar polos informes de Inspección de Traballo e do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga), así como do informe da Policía Nacional, que xa foron trasladados ao xuíz.

Villanueva instou así a evitar "elucubracións" sobre o que puido acontecer e remitiu a esa investigación que agora se está a producir.

A organización do festival informou de que terá lugar nas datas previstas, os días 16, 17 e 18 de xuño, isto é, a vindeira semana.

Comentarios