As horas extra aumentaron en 2020 un 6,3% 

O sindicato UGT asegura que o colectivo de asalariadas deixou de percibir 2.500 millóns en todo o Estado por mor desta fraude.
Unha muller traballa co seu ordenador nunha oficina (Foto: Ricardo Rubio/Europa Press).
photo_camera Unha muller traballa co seu ordenador nunha oficina. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press).

UGT alertou de que o ano pasado realizáronse 320 millóns de horas extra, un 6,3% máis que en 2019, que afectaron a 731.000 asalariados. Segundo se despende dun informe realizado pola organización sindical, case a metade non se pagaron.

En consecuencia, denunciou, esta fraude laboral provocou que as persoas asalariadas deixasen de percibir 2.500 millóns de euros e que a Seguridade Social deixase de recadar até 750 millóns de euros, perto de 1,6% do déficit estimado ese ano.

"Todo isto explícase polo aumento desproporcionado das horas extra en actividades altamente  feminizadas como a educación, as actividades sanitarias e de servizos sociais ou as actividades dos fogares e porque as mulleres acaparan tres cuartas partes do emprego a tempo parcial", indicaron fontes de UGT.

Tendo en conta a ocupación, "as horas extras aumentaron alí onde a pandemia non impediu poder seguir traballando. Destacan as ocupacións militares, os técnicos profesionais científicos e intelectuais e os empregos contábeis, administrativos e outros empregados de oficina".

A conciliación, "en xaque"

O sindicato remarcou que a reforma laboral de 2012 é un dos factores que explica o incremento de horas extra polo enfraquecemento da negociación colectiva e o incremento do poder discrecional das empresas.

"As horas extra son un síntoma máis dun mercado laboral precario e discriminatorio", segundo UGT, que alertou de que o uso desproporcionado de horas extra ten un "elevado custo en termos de emprego e no ámbito económico e social" e de que "pon en xaque a conciliación laboral e persoal".

Para o sindicato, é necesario diminuír o volume de horas extras, mellorar o seu control e o modelo de relacións laborais que rexe no Estado.

De feito, insta a avanzar cara a unha redistribución máis xusta dos postos de traballo, o que implica unha redución global do tempo de traballo para ir a un marco laboral "máis equilibrado e garantista".

Reforma laboral de 2012

Tamén ve imprescindíbel derrogar a reforma laboral de 2012, "que aplanou o camiño para que se intensifique o uso fraudulento das horas extra".

No curto prazo, UGT pide destinar máis recursos á Inspección de Traballo para que controle con garantías que se cumpre a xornada laboral. Doutra banda, avoga por estender e mellorar o rexistro horario no marco da negociación colectiva.

De cara ao futuro, aposta por aproveitar os fondos europeos para renovar o modelo produtivo, trazando estratexias que impulsen unha xestión e organización máis eficiente do persoal de traballadores; por adoptar medidas para redistribuír os traballos e contemplar unha redución de traballo ou por aprobar un marco laboral "máis xusto" que se adapte mellor aos retos da dixitalización e a transición ecolóxica e aposte polo emprego "digno e de calidade".

Comentarios