XESÚS ANXO LÓPEZ PINTOS, sindicalista condenado por unha protesta en 2012

“Hai moitos 'Billy El Niño' por aí”

Sermos Galiza fala con Xesús Anxo López Pintos após coñecerse a sentenza que condena ao sindicalista por un delito de atentado á autoridade a unha pena de seis meses de cárcere e ao pago dunha indemnización de 840 euros ao policía que denunciou.

Xesús Anxo López Pintos, sindicalista (X.L.L.P)
photo_camera Xesús Anxo López Pintos, sindicalista (X.L.L.P)

Sete anos pasaron desde aquela mobilización en Ferrol na que fora detido o sindicalista Xesús Anxo López Pintos. Sete anos que se resolveron, polo momento, con catro días dun xuízo que foi seguido por todo o mundo sindical nun período convulso dominado por decisións xudiciais polémicas.

Como se sente logo de varios días de xuízo e logo da sentenza?

Estou bastante fastidiado polo “inxusta” que é a xustiza. É o mundo ao revés. A persoa humillada, machacada, detida e con abusos xa na detención, como se pode ver nos vídeos, é a condenada. O absolto é o policía. A Fiscalía xa non quixo saber nada desde o principio e tivemos que recorrer para sentalo aí.

A sentenza estaba redactada desde o principio. Só deixaron o espazo para a xente que foi a declarar como testemuñas. Fixeron unha pequena referencia e xa está.

A acción sindical xa estaba abondo diluída pola Lei mordaza. Esta sentenza é un toque de atención para non moverse. Agora calquera persoa vai ter medo mirando o que me pasou a min ou outros casos semellantes.

Para min é vergonzoso, síntome humillado. Aínda vexo as imaxes do que aconteceu.

Que implica esta sentenza?

Eu estaba en suspensión dunha sentenza anterior duns feitos que aconteceran no 2001 e foron xulgados no 2010 polo tema dunhas mariscadoras. Tardou tanto que cando foi o xuízo moitas estaban xubiladas ou morreran, Os feitos polos que se me xulgou agora estaban no 2012, dentro do período de suspensión. Nun apartado da sentenza din que como os feitos eran moi anteriores non estarían pola labor de que entre na cadea. De todas maneiras hai que agardar que a sentenza sexa firme.

A fiscalía pola contra quería meterme na cadea. Foi por min desde o primeiro momento. Tratou mal as testemuñas que nós achegamos, buscoulles contradicións. Cando falaba o policía o trato era diferente.

Afectoulle ver outra vez o policía?

Tiven que velo estes catro días no xuízo logo de sete anos. Eu tiven a posibilidade de dicir unhas últimas palabras no xuízo. Afirmei que se teño que ir á cadea iría coa cabeza alta mais o que máis me doía era que quedara fóra e impune unha persoa, funcionario público, que maltrata. O que me fixo a min pode facelo a outros. E aínda por riba levará os cartos que impón a sentenza.

Con esta sentenza póñenlle unha lousa á loita obreira

Que representa esta sentenza no mundo sindical?

Isto foi unha lousa que se lle puxo á acción sindical. Acabar co sindicalismo sempre foi unha opción capitalista desde sempre. O capitalismo nunca creu na democracia. Quen se atreverá a facer agora unha acción con algo de barullo? Cando lles convén en sindicatos como Jusapol non fan nada.

Na sentenza quedou claro que na concentración de Ferrol non houbo violencia e o único ferido fun eu.

O Tribunal cuestionou que eu contara os golpes de porra que levei, dez en concreto. Conteinos. Ao décimo caín. Había máis de trescentas persoas e fun o único detido.

Penso que temos que unimos os que cremos na verdadeira democracia. Podemos ter gobernos nos concellos, nas deputacións, no Estado,... se non temos a clase obreira e a clase social detrás non valerá para nada. Cando queiras facer algo machácante. Tes aí os casos de Catalunya e Euskadi. Conseguirán os obxectivos a base de ter forza social. Aquí falta unidade.

Agora mesmo fas un pequeno corte de tráfico, chega a policía e carga e se non corres xa poden acusarche de atentado. É normal que a xente colla medo.

Vivimos nun Estado parapolicial total

E para a clase política?

Aquela noite estabamos todas as forzas sindicais e logo viñeron a declaran de todos os sindicatos. Se amarran á clase traballadora tamén farán o mesmo con calquera partido político de esquerdas.

Diante disto a clase obreira e a clase política que queremos un mundo mellor temos que estar unidos. Podemos xogar co minifundismo mais non servirá de nada.

Eu agora estou xubilado e podía “estar tranquilo” logo de moitos anos de estar na loita. Sempre fun unha persoa que estivo diante. Cando a policía viña a cargar Pintos estaba aí. Todas as folgas xerais onde había piquetes con todos os sindicatos querían que eu os dirixira. Eu era o obxectivo. Vivimos nun Estado parapolicial total. Quen nomea aos xuíces? O poder xudicial. Quen nomea o poder xudicial? Agora mesmo PP e PSOE.

Loitabamos por que non pechara a empresa Poligal e ao final pechou, con 200 familias na rúa, a maior parte levaban traballando nela 30 anos e agora están no paro.

Ferrol e Vigo sempre foron a vangarda da loita obreira e a eles iso non lles interesa. Con esta sentenza póñenlle unha lousa á loita obreira. Hai que mudar todo. Nestes momentos temos que ir todos co mesmo obxectivo: tumbar o réxime do 78 que segue aí. O urxente é parar isto.

Nestes momentos temos que ir todos co mesmo obxectivo: tumbar o réxime do 78 que segue aí

Que opinión lle merece a actuación policial?

Díxenlle ao propio tribunal que seguen formas franquistas na policía. O réxime do 78 deixou todo amarrado. Seguíu a mesma policía que había no franquismo, os militares, os deputados... Lembro que policías que actuaron e feriron xente nos sucesos do 72 logo tiveron unha xubilación de policías. Funcionarios que dirixiron torturas e que coñecemos todos en Ferrol seguen e aínda están vivos hoxe. Non foi só Billy el Niño. Hai moitos Billy el Niño por aí. Hai outros locais que coñecemos en Ferrol. Isto é pequeno e coñecémonos todos. Os da Coruña coñecerán os da Coruña. Esa xente seguiu e segue aí. E o peor e que seus fillos, seus netos vinculados seguen e cunhas ideas terroríficas.

Recorrerá?

Vaise recorrer cun recurso de casación. Logo quedaría o Supremo, o Constitucional e, en todo caso, por último o Tribunal de Estrasburgo.

Comentarios