"Hai que conquistar na rúa un novo modelo, máis xusto, solidario e democrático"

Suso Seixo, secretario xeral da CIG, coida que a principal razón para se mobilizar este 1º de maio, Día da Clase Traballadora é que un cambio real nas políticas sociais, económicas e laborais só virá dunha contundente resposta popular nas rúas. "Isto non se muda cunha actitude pasiva ou agardando que un día decidan virar o rumo", salienta.

Seixo

Este 1º de maio a central sindical nacionalista chama a se mobilizar contra o desemprego e a pobreza. O secretario xeral da CIG, Suso Seixo debulla para Sermos Galiza as razóns desta convocatoria e, tamén, as que para o sindicato deben motivar á clase traballadora a defender os seus dereitos na rúa. 

Cal é a situación dunha traballadora ou traballador hoxe en relación a hai 5 anos?

A situación é dun maior empobrecemento, unha maior dificultade para atopar un posto de traballo e unha enorme destrución de emprego após as reformas laborais e a queda dos salarios. Estamos perante o debilitamento da clase traballadora e unha importante perda da súa capacidade reivindicativa. Entrementres a patronal aumenta os seus gaños e poder. 

Que papel xoga nesta situación a UE?

Teñen moito a ver pois é a primeira en impor estas mudanzas e deseñar políticas que camiñan cara á reforma laboral e á negociación colectiva. O PP como partido da dereita neoliberal apúntase a estas directrices e convérteas en lei. De igual maneira que a Xunta de Galiza as executa no noso país. É evidente que as institucións europeas, neste senso, veñen deseñando o actual modelo económico e laboral. 

"Estamos perante o debilitamento da clase traballadora e unha importante perda da súa capacidade reivindicativa"

A CIG presentou unha ILP con 100 medidas para reverter a situación actual. Hai alternativa?

Por suposto. Con esta campaña quixemos demostrar que as políticas de reforma laboral non conducen a nada porque teñen por obxecto defender os intereses da patronal e do capital financeiro. Non crean emprego nen reactivan a economía. Porén, hai alternativas que pasan por desenvolver políticas transversais para todos os sectores produtivos, mais tamén as hai na economía financeira, en política laboral, dirixidas a crear emprego de calidade, contribuír a mellorar os salarios ou a crear unha renda de inserción laboral que apoie as persoas desempregadas. As 100 medidas que presentamos na ILP conforman un plan de choque perante unha situación económica e social dramática, como reflicten os dados da última EPA. 

"As políticas de reforma laboral non conducen a nada porque teñen por obxecto defender os intereses da patronal e do capital financeiro"

Mais a Xunta non está a afrontar esta realidade e mesmo tenta ocultala como acontece cos altos niveis de emigración xivenil. É unha irresponsabilidade que continúe a aplicar de maneira seguidista as políticas deseñadas polo goberno español e Bruxelas. E, neste senso, desde a CIG fixémoslle unha proposta coa que, cando menos, quixemos dar o debate na rúa, crearmos consciencia de que se non se aplican outras políticas é porque non queren. 

Face a resposta social ante a actual situación económica e laboral, o PP opta pola represión. Eis o caso de Carlos e Serafín...

O PP tenta reprimir a contestación social, non hai dúbida. Para iso recorre á reforma do Código Penal mais, como iso só non lle chega, pretende aprobar unha nova Lei de Seguridade Cidadá coa que actuar directamente sobre os movementos sociais através, entre outras cousas, de sancións abusivas. Este tipo de medidas denotan a intención de converter isto nun Estado policial e impedir unha resposta popular ás políticas antisociais e antiobreiras. É un claro exemplo do modelo de sociedade que queren impor. 

Que razóns hai para mobilizarse este 1º de maio?

A principal é facérmonos á idea de que unha mudanza real só virá da man da mobilización. Estas políticas non cambiarán doutra maneira porque están pensadas para velar polos intereses do grande capital e iso non se muda cunha actitude pasiva ou agardando que un día decidan virar o rumo. Só através da mobilización da clase traballadora poderemos camiñar cara á un modelo máis xusto, solidario e democrático. Hai que conquistalo na rúa. 

Comentarios