Guía para non perder o Día da Clase Obreira Galega

Este domingo varias mobilizacións percorrerán Galiza da man dos sindicatos para conmemorar o Día da Clase Obreira Galega. Unha data de marcado carácter de loita que lembra os asasinatos de Amador Rei e Daniel Niebla o 10 de marzo de 1972 en Ferrol por parte da policía franquista.

10 marzo dia clase obreira galega
photo_camera Un Día da Clase Obreira Galega en Ferrol

No Día da Clase Obreira Galega sindicatos como CIG, CCOO e CUT lembran Amador Rei e Daniel Niebla, os dous traballadores asasinados pola policía na manifestación dos operarios de Bazán que decorreu o 10 de marzo de 1972 en Ferrol.

“Daniel ía uns dous metros diante miña, co buzo debaixo do brazo. Recibe un tiro e cae dobrado, cara a atrás, diante miña”, lembra Rafael Pillado Lista, dirixente na altura do PCE e CCOO, “en Ferrol había entón, e despois de moitos anos de construción, un movemento obreiro potente, forte e organizado”. As autoridades franquistas sabíano e de aí a violenta carga, con disparos, daquel 10 de marzo en que resultaron feridos ao redor de medio cento de manifestantes.

Desde entón sucédense as lembranzas por parte de sindicatos, que cada ano levan ás rúas o carácter reivindicativo da data. A CIG, baixo o lema, “Recuperar dereitos para avanzar”, chama á mobilización este domingo para exixir a derrogación das reformas laborais e as políticas executadas ao abeiro da crise, “porque cada día que pasa medra a precariedade, a pobreza laboral e continúa a perda xeneralizada do poder adquisitivo da clase traballadora galega”.

A central sindical nacionalista convoca mobilizacións en Vigo (12 horas desde A Dobrada); Pontevedra (12 horas na Praza da Peregrina); Vilagarcía (12 horas na Praza de Galiza); Compostela (11.30 horas na Praza Roxa); A Coruña (12 horas desde a Praza de Vigo); Ferrol (12 horas desde o Monumento ao 10 de marzo); Lugo (12 horas desde o edificio sindical) e Ourense (11.30 horas na Praza do Ferro).

CCOO convoca unha manifestación nacional que partirá ás 11.30 horas desde o monumento ao 10 de marzo, en Ferrol. Faino baixo o lema “En unidade, con memoria. É o momento”. A convocatoria de CCOO salienta o “escenario inquietante”, marcado polo momento político e “presidido pola desmemoria dunha sociedade enferma do cancro da desigualdade extrema, onde ter traballo xa non significa saír da pobreza”. CCOO e a súa Fundación conceden este ano os Premios 10 de Marzo a Tensi Álvarez Folgar, Melchor Roel Rivas (póstumo) e Xan López Facal.

A CUT conmemora o Día da Clase Obreira Galega facendo unha chiscadela á “manipulación da semántica” e da historia. De aí que elixise o lema “Semántica de vencer”. “Chamoulle transición á restauración borbónica e novo bipartidismo do ano 78 (…) chamoulle tardo-franquismo e aperturismo a eses inicios dos anos 70 cando mataron a Moncho Reboiras, Humberto Baena, Sánchez Bravo… cando mataron a Daniel e Amador”. “Na CUT chamamos as cousas polo seu nome e aqueles anos foron anos de fascismo”, sinala o sindicato, que este domingo ás 12 horas organiza unha concentración no farol de Urzáiz, en Vigo. Posteriormente, ás 14.30 horas desenvolverase un “cocido obreiro” no Ítaca.

Comentarios