O grupo Monbus terá que subrogar ao persoal de Freire que cubría a liña de autobús ao aeroporto de Compostela

A Xustiza da a razón ás e aos traballadores da empresa que tiña anteriormente a concesión do servizo. A firma Tralusa, encargada do transporte urbano da cidade e pertencente á compañía lucense, deberá incorporar a estes operarios ao cadro de persoal.

Un autobús da empresa Freire en Compostela. (Foto: CIG)
photo_camera Un autobús da empresa Freire en Compostela. (Foto: CIG)

O xulgado do Social número 3 de Compostela vén de comunicar a primeira das sentenzas sobre o despedimento das e dos traballadores da empresa Freire que se encargaban da liña de transporte entre a cidade e o aeroporto antes de que a concesión cambiara de mans.

O auto dá a razón ao cadro de persoal, que foi ao paro co cambio de compañía á fronte da ruta, e condena á nova concesionaria do transporte urbano do municipio, Tralusa, a asumir a subrogación dos contratos laborais.

A firma, pertencente ao Grupo Monbus, xa tería que ter readmitido ás e aos operarios “o pasado 23 de decembro” ou, polo menos, así o sosteñen desde a FGAMT-CIG local.

O representante da federación, Inácio Pavón, destacou que esta sentenza é “demoledora” posto que demostra “o despropósito que, por parte do Concello e de Tralusa, se fixo con estes traballadores deixándoos na rúa”.

O escrito xudicial indica, segundo a central sindical, que está “probado” que era obrigatorio que se aplicara o acordo autonómico de “subrogación” con independencia de que a licitación non chegara no tempo estipulado inicialmente dado que “o servizo séguese a prestar na actualidade”.

Se ben é certo que hai outros procesos abertos e poden chegar novas sentenzas, Pavón insta á empresa propiedade de Monbus a non agardar e “executar de inmediato o criterio xudicial procedendo a subrogar á totalidade dos traballadores afectados restituíndoos no seu posto de traballo”.

Aliás, o voceiro pide ao Goberno local e ao concelleiro de Mobilidade de Compostela, “que no seu día se desentendeu do problema que eles mesmos crearan que tome as medidas necesarias para que se dea cumprimento á sentenza optando pola subrogación”.

Comentarios