Greve no sector de ambulancias: 6 xornadas de paro e posibilidade de que se converta en indefinida

Reivindican que se bote a aquelas empresas que incumpren as condicións mínimos deste servizo público e que se convoque un novo concurso que garanta condicións laborais e de calidade.

ambulancias greve cig

9 e 10 de maio, 6 e 7 de xuño, 4 e 5 de xullo. Son as xornadas de greve no sector de ambulancias de Galiza, uns paros que poden dar lugar a una greve indefinida de non se solucionar os problemas que motivan o protesto. Desde a CIG explícase que catro son as cuestións centrais da greve: botar as empresas que incumpran as condicións mínimas deste servizo público, convocar un novo concurso que garanta condicións laborais e de calidade, retirar os elementos de presión e precarización das condicións de traballo, e que se asine o convenio colectivo (caducado hai dous anos).

O sindicato cualifica de “abandono absoluto” a situación do sector.  Xunta, a Consellería de Sanidade e o 061 “están mirando para outro lado”, critica a CIG, e nin sequera contestaron ás reiteradas solicitudes de reunión para tratar estes problemas.

De aí que os traballadores e traballadoras avalaran en asembleas ir á greve ante un escenario dunha patronal unicamente preocupada polo seu rendemento económico e o desprezo da Xunta cara un servizo básico como este, “maltratado durante anos”. As empresas recoñecen agora que levaron concursos optando por ofertas por baixo do prezo real e tentando que este custo sexa asumido polo persoal.   Así, houbo un empeoramento das condicións laborais no que ten que ver co aumento de horas e o incremento, de entre 10 e 20%, da carga de traballo. A pesar deste incremento de servizos non se reforzaron os cadros de persoal.

Expedientes

Na rolda de prensa de Compostela, os delegados de Ambuibérica denunciaron que a empresa impuxo máis de 40 expedientes de sanción nos últimos días para, afirman, atemorizar o persoal “e que non proteste diante deste desfeita”. Sancións que chegaron a recibir mesmo traballadores que nin estaban de servizo ou que xa levaban meses fóra da empresa. Este proceder por parte de Ambuibérica non é illado, prosegue a CIG, senón que tamén abriu arredor de 40 expedientes sancionadores a traballadores/as do 061 na comarca de Vigo.

Doutra banda, o secretario da FGAMT-CIG de Compostela, Inácio Pavón denunciou ademais que este conflito está sendo tratado como un problema de orde pública con chamadas aos cuarteis da Garda Civil da comarca. “De xeito irregular someteuse aos traballadores a auténticos interrogatorios nos que entre outras cousas se preguntaba se estaban afiliados á CIG, se ían asistir á asemblea, que se ía falar e pretendendo que posteriormente se lles informara do falado. Algo absolutamente intolerábel e completamente ilegal que xa están estudando os servizos xurídicos da CIG”.

Comentarios