Convocada greve nos PACs das sete áreas sanitarias galegas

PAC

O persoal estatutario das categorías de Medicina de Familia e de Enfermaría que presta os seus servizos nos Puntos de Atención Continuada (PAC) do Sergas, nas sete áreas sanitarias galegas, irá á greve desde as 15:00 horas dos días 16, 19, 23, 26 e 30 de outubro e 2, 6 e 9 de novembro, rematando ás 8:00 horas do día seguinte; e desde as 8:00 horas dos días 21 e 28 de outubro e 4 e 11 de novembro, rematando ás 8:00 horas do día seguinte. Denuncian a súa precaria situación e demandan unha resposta inmediata ás reivindicacións que levan sobre a mesa máis de seis meses, para poder pór as bases que permitan garantir unha asistencia sanitaria de calidade.

As organizacións sindicais convocantes, CIG, CCOO, UGT, SATSE, CSIF. OMEGA e CESM manifestan a súa preocupación pola situación que se está a vivir nos Puntos de Atención Continuada (PACs) e que está sendo obxecto de negociación nunha Comisión Técnica da Mesa Sectorial.

As organizacións sindicais consideran que é unha “irresponsabilidade”, por parte da dirección do Sergas, prolongar a solución deste conflito e que isto “non fai máis que poñer de manifesto a súa  incapacidade para facer fronte aos desafíos asistenciais que temos por diante, uns relacionados coa nosa demografía e outros ocasionados pola xestión incompetente dos recursos humanos”.

Comentarios