Greve indefinida no transporte de residuos sólidos urbanos de Sogama

Transportes Pacholo despediu 8 traballadores no que o persoal considera que é unha represalia ás denuncias de acoso laboral

 

 

sogama cerceda
photo_camera Sogama

Membros do comité de folga de Transportes Pacholo S.L, empresa que realiza o transporte de Residuos Sólidos Urbanos (RSU), veñen de rexistrar a convocatoria de folga indefinida que se desenvolverá a partir do vindeiro día 15 de abril. Esta convocatoria foi aprobada nunha asemblea de traballadores e traballadoras por 60 votos a favor e ningún en contra. O persoal de Transportes Pacholo leva meses denunciando o acoso laboral ao que é sometido pola empresa que vén de despedir 8 compañeiros, no que o persoal entende como unha represalia por esas denuncias. 

CIG e o persoal denuncian que esta non é unha decisión de Transportes Pacholo, senón que “os culpables están máis arriba”. Sinalan en concreto Copasa (“casualmente a empresa galega que, segundo os papeis de Bárcenas máis achegou ao financiamento ilegal do PP”, segundo o sindicato), Sogama e o propio Partido Popular que foi quen deseñou, din, un modelo de subcontratas que “precariza as condicións laborais a costa dun peor servizo para repartirse os beneficios”.

Hai tres anos Sogama entregou a concesión de transporte dos contentores de RSU a unha UTE formada por Copasa, Renfe e Logirail no que foi o contrato público máis elevado na pasada lexislatura do goberno de Núñez Feijoo, con 140 millóns de euros.

Porén, denuncia a CIG, desde o primeiro día esta UTE subcontratou o servizo a unha empresa do Carballiño, Transportes Pacholo SL, sen experiencia no transporte de RSU e que nese momento se atopaba en concurso de acredores. A operación incluíu tamén a sinatura dun convenio propio, un mes antes de coller a concesións, que rebaixaba os salarios existentes no transporte de SOGAMA en 40%. “Non contentos con iso, desde o primeiro día presionouse aos traballadores para que incumpriran normas de tráfico, horarios e tamén as normas máis básicas de seguridade e saúde no traballo co obxectivo de desregular por completo as relacións laborais e abaratar así o custo do servizo”.

Comentarios