Greve indefinida en Leche Celta fronte ao inmovilismo negociador da empresa

O persoal acumula catro semanas de mobilizacións e protestos para esixir unas melloras salariais e laborais das que si gozan os traballadores e traballadoras do mesmo grupo empresarial noutras factorías.

 

leche celta
photo_camera leche celta

A partir desta quinta feira, día 12, o persoal de Leche Celta iniciará unha greve indefinida. É o paso acordado en asemblea polos traballadores e traballadoras da factoría de Meira perante o inmobilismo da empresa após case un mes de mobilizacións para demandar melloras laborais e salariais. Unhas melloras das que xa goza o persoal doutras factorías do grupo, como  Pontedeume, Ávila e Santander. Até o inicio da greve indefinida o persoal desenvolverá paros rotativos de catro horas por quenda de traballo.

O secretario comarcal da FGAMT-CIG de Lugo, Christian López, informou que, dende esta segunda feira, na factoría non está a transformar "nin un só litro de leite", derivando a empresa toda a súa recollida cara a outras industrias ou aos seus propios centros. Unha decisión que para o comité resulta sorprendente polas posíbeis consecuencias no mantemento do seu único cliente, Mercadona. O persoal considera esta actitude de non negociar como unha "completa irresponsabilidade" por parte de Leche Celta.

O conflito que arrancou en marzo ten as súas raíces máis atrás, hai dous anos. O persoal da factoría de Meira, explica Christian López, ve como nos outros tres centros de Leche Celta vanse dando melloras que non chegan ao centro deste concello lucense. Os traballadores e traballadoras de Meira pelexan por mellorar as retribucións ou por regularizar a xornada no tocante ás fins de semana. Loitan por mellorar as condicións laborais e salariais contra o muro da empresa, “mentres en 2017 o persoal de dirección aumentou o salario en 9%”.

Comentarios