Greve indefinida do persoal da Escola Municipal de Música de Compostela

O persoal da EMM decidiu manter a convocatoria a partir da vindeira segunda feira 21 de maio. Manterán o paro “ata ter a certeza total e absoluta de que se van manter os postos de traballo”.

 

peche santiago escola musica
photo_camera peche santiago escola musica

Os traballadores e traballadoras da Escola Municipal de Música (EMM) de Santiago decidiron esta sexta feira por unanimidade en asemblea extraordinaria iniciar a greve indefinida que teñen convocada a partir do 21 de maio. Un paro que manterán “ata ter a certeza total e absoluta de que se van manter os postos de traballo”. Esta cuestión, malia todos os pasos que se foron dando esta semana, non está aínda garantida, sinalan.

O secretario comarcal da CIG-Ensino de Santiago, Rubén F. Monteagudo, considera que as mobilizacións levadas a cabo estes días polo persoal docente desta Escola conseguiron que o goberno municipal se puxera á fronte para desatascar este conflito e anímao a buscar unha solución canto antes.

O persoal da EMM estará moi pendente do que ocorra a vindeira segunda feira na Mesa de Contratación que ten que dirimir que ocorre coa candidatura da única empresa que se presentou ao contrato para xestionar este servizo pero lembran que “a única certeza que teñen nestes intres é que a día 30 de xuño remata a súa relación coa empresa actualmente adxudicataria”.

Comentarios