A greve das auxiliares de Navantia volve paralizar un día máis os estaleiros de Navantia

CIG destaca a importante participación nos piquetes.

navantia greve

Desde a pasada quinta feira, 5 de outubro, non hai actividade no sector naval de Ferrol. A greve convocada pola CIG nas auxiliares paraliza os estaleiros de Navantia, tamén esta segunda feira, nun paro que é indefinido. Ás 5:00 da mañá volveron os piquetes ás portas das factorías, uns piquetes que están a ter unha afluencia masiva, segundo a central nacionalista. Desta volta, e após as advertencias da dirección en días pasados, nas proximidades eran visíbeis varias patrullas da Policía Nacional.

A presenza policial levou mesmo ao presidente do comité de empresa, de CCOO - sindicato que, como UXT, non secunda a greve- a pedir aos operarios que non entrasen a traballar.

A finalidade do paro é lograr que todas as empresas cumpran os acordos salariais asinados en 2001 "e que os traballadores non teñan que negociar o seu soldo cada vez que entran nunha subcontrata". "A xente das auxiliares sabe que esta é a súa batalla. Máis que ningunha outra. Por iso secundaron as folgas do convenio e por iso votaron unanimemente a favor desta convocatoria de folga. Logo da devaluación salarial brutal que fixeron as empresas nos últimos anos, este é o momento de recuperar o perdido", indican desde a central nacionalista.

Comentarios