Gómez anuncia “cambios importantes” ao ser reelexido como secretario xeral de UXT-Galiza

Obtivo o 77% dos votos no XII Congreso do sindicato para un cuarto mandato.

UGT UXT

José Antonio Gómez foi reelexido este sábado como secretario xeral de UXT Galiza co 77,17% dos votos, accedendo así a un cuarto mandato á fronte do sindicato. A nova Executiva uxetista está formada polo propio secretario xeral, José Antonio Gómez; o secretario de Organización, José Luis Fernández Celis; o secretario de Política Sindical, José Luis Maneira Gómez; e o secretario de Política Institucional, José Carlos Rodríguez del Río. Tamén conforman a Executiva Raquel Seijas, secretaria de SaúdeLaboral e Medioambiente; Mª Isabel González, secretaria de Políticas Sociais; e Mónica Rodríguez, secretaria de Igualdade, Mocidade e Movementos Sociais.

,O secretario xeral asegurou que comeza este neste novo mandato con ganas e ilusión, así como “cambios importantes” para que a organización sexa máis “áxil e eficaz”, algo que demanda tanto a afiliación como a sociedade, salientou. Gómez foi moi crítico coa Xunta por, dixo, carecer de política de emprego. “Non podemos ter un 47% de persoas desempregadas que non cobran nungún tipo de prestación”, afirmou.

Ser un “adiantado” no cumprimento dos paquetes de austeridade beneficia só “uns poucos” mentres que a maioría padece recortes de dereitos e máis precariedade, dixo en referencia a Núñez Feijóo. 

Comentarios