“Un goberno galego que trata así o sector leiteiro non ten ningún interese neste país"

Entrevistamos Elías Somoza, coordinador de Sectores Gandeiros da Federación Rural Galega (Fruga) e un dos centos de gandeiros e gandeiras galegas que sofren a caída dos prezos no sector, imposta pola gran industria, após o final das cotas lácteas.

Elías Somoza, coordinador Fruga


Cal é a situación actual do sector?

A situación é a mesma que leva vivindo os últimos vinte anos. Sen ningunha garantía do que vas a cobrar e agora nin sequera coa seguridade de que te recollan o leite. Non ter ningún tipo de organismo interprofesional que permita negociar uns prezos dignos levounos a esta situación. A industria chega cun contrato co prezo xa posto e, senón o asinas, non te recollen o leite.

Galiza xa contaba cos prezos máis baixos de Europa. Parecía difícil que baixaran máis.

Pois están a facelo. Durante este mes, dende o fin das cotas lácteas, estamos falando dunha media de polo menos dous céntimos de baixada. Hai que ter en conta que o 70% das explotacións leiteiras galegas non chegaban xa ao salario mínimo interprofesional. Pois agora aplícalle unha baixada de dous céntimos. Mentres que a industria, aínda que só recolla 100.000 litros de leite diarios, con esa suba, cantos cartos fai diariamente? Só hai que facer as contas.

E mentres a Xunta…

E mentres a Xunta mira para outro lado. E a conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, adícase a realizar declaracións totalmente torpes e contraditorias, dicindo que se está a recoller en boas condicións. Quer dicir que pagar polo leite 23 ou 21 céntimos por litro son boas condicións? 

Cal sería o prezo mínimo?

Moitos estudos coinciden en algo claro. Que por menos de 31 céntimos o litro, o leite dá perdas. Todo o que se produza por baixo dese prezo, significa perder cartos. Nestes momentos, a práctica totalidade das explotacións galegas están cobrando por baixo desa cantidade. Estamos falando dun desastre total e absoluto. As 9.500 explotacións que quedan en Galiza están sufrindo unhas condicións que endexamais recordan no sector lácteo galego. Estamos con prezos e condicións de principios dos 90.  

Por menos de 31 céntimos o litro, o leite dá perdas. E neste momento, a práctica totalidade das explotacións galegas están cobrando por baixo desa cantidade. Un desastre total e absoluto.

Por que a situación é especialmente crítica para o sector galego e non afecta igual outras partes do Estado?

Primeiro porque a gran industria no sector non é galega, a industria que máis leite recolle en Galiza é francesa. Nunca tivemos un grupo lácteo forte do país, con peso no sector -sacando Feiraco- e iso agora estámolo pagando caro. Só temos que atravesar o río Eo. En Asturias están cobrando cinco ou seis céntimos máis por litro. Como no resto do Estado. Ou en Cataluña, onde están traballando por unha axencia profesional do leite e aquí non se está falando de nada. E as industrias fan o que lles dá a real gana.

Polo que parece o fin das cotas empeorou unha situación xa moi precaria.

E que segue habendo cotas, pero esta vez non as fixa a Administración senón a industria. Que aínda é peor. 

Como funciona ese sistema?

En todo o proceso de comercialización hai tres actores chave: por un lado os gandeiros; por outra a industria, que decide unilateralmente o que se paga, a quen se recolle e canto pode producir cada quen; e arriba da cadea a gran distribución, que presiona á súa vez á industria. Hoxe o que se vende son marcas brancas. Utilizan o leite como produto reclamo. De feito, estanse vendo packs por 29 céntimos o litro. Ou que te regalan “X” litros de leite se fas unha compra superior a determinada contía. Os señores de Mercadona son a consecuencia do que pasa por afogar e escravizar os gandeiros e gandeiras galegas pola produción de leite. E poden facelo porque a administración lle está deixando carta branca. 

Que medidas serían precisas?

A única saída pasa porque interveña a Xunta para abrir un marco de negociación. Se houbera un marco para traballar onde estiveran presentes as tres partes, habería posibilidade de chegar outros acordos. A única frase que dixo o presidente Feijóo sobre o sector foi que a industria e a distribución está afogando os produtores. Pois xa sabe o que ten que facer, actuar en consecuencia a través do Diario Oficial de Galiza. Non é novo. En Francia obrigouse á industria a someterse aos produtores e a industria acabou pagando máis por esa leite.

Esperades esa reacción?

Esperamos que, dunha vez por todas, a conselleira ou o presidente tomen cartas no asunto, ou vaian para a súa casa. Están vendendo este sector a cambio de quen sabe que ou por que. E dende logo, que un goberno galego trate así a un sector como o leiteiro, que é o que máis peso ten na produción agraria, demostra que non ten ningún interese neste país. Ben que Feijóo tomou cartas con Alimentos Lácteos, sabendo que era un fracaso de nove millóns de euros. E non é a única decisión que prexudica ao sector.

A lei de oferta e de demanda non funciona no sector lácteo. Funciona, claro, para os de sempre, non para os produtores.

Por exemplo?    

Este ano vannos atrasar máis os cobros da Política Agraria Común (PAC). Os programas están funcionando fatal, con moitas dificultades para facer a tramitación. E ningún membro do goberno galego foi a negociar a Europa. Ademais, pola falta de interese da Consellaría de Medio Rural, este ano imos perder unha subvención como era o Pago Verde, importante para moitas explotacións gandeiras galegas. 

A situación só pode solucionarse regulando o sector?

É imprescindible. A lei de oferta e de demanda non funciona no sector lácteo. Funciona, claro, para os de sempre, non para os produtores.

Cal é a marxe de resistencia para as gandeiras galegas de seguir nestas condicións?

Cada explotación é un mundo, pero moi curto. Non debemos esquecer que as explotacións fixeron nos últimos anos importantes inversións, que foron impostas polas admnistracións. Iso hai que amortizalo. Como van facerlle fronte a todas esas débedas con estes prezos? O día que non podan pagalo que vai pasar con eses créditos contraídos coa banca? O futuro do sector vai a depender moito da capacidade mobilizadora que teñamos. E tamén dos que están detrás. Antes e despois da vaca, hai moitos postos de traballo. Veterinarios, fábricas de pensos, vendas de insumos, maquinaria agrícola, todo o que move o sector lácteo. 

Que suporía a desaparición de máis explotacións?

En moitas comarcas é a principal actividade produtiva. Como na comarca de Meira, en Lugo, a comarca de Sarria, de Chantada, o Deza, a comarca de Ordes, Curtis ou a do Xallas… Suporía perder un sector que é parte fundamental da economía e a sociedade galega.
 

Comentarios