O Goberno estatal aproba a suba do SMI a 1.000 euros

Son catorce pagas de 1.000 euros e a medida ten carácter retroactivo desde o pasado 1 de xaneiro. A CIG, excluída da negociación, cualifica o incremento de "raquítico".
Unai Sordo, Yolanda Díaz e Pepe Álvarez, na rolda de prensa posterior á sinatura do acordo entre Goberno estatal, CCOO e UXT (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press).
photo_camera Unai Sordo, Yolanda Díaz e Pepe Álvarez, na rolda de prensa posterior á sinatura do acordo entre Goberno estatal, CCOO e UXT (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press).

O Consello de Ministras deu 'luz verde' esta terza feira á suba do salario mínimo interprofesional (SMI) a 1.000 euros mensuais con efectos desde o 1 de xaneiro deste ano, o que supón 35 euros máis que o SMI vixente actualmente (965 euros ao mes por catorce pagas).

A vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, defendeu na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministras que esta medida achega o Estado español ás "portas de Europa" en canto á mellora salarial. "O SMI empeza a ser xa digno no noso país e aseméllase ás medias europeas, aínda que queda moito camiño por percorrer", sinalou a titular de Traballo.

Esta suba é froito do acordo que subscribiron Yolanda Díaz e os secretarios xerais de CCOO e UXT, Unai Sordo e Pepe Álvarez, o pasado 9 de febreiro e do que se descolgaron as patronais CEOE e Cepyme, como xa fixeran no anterior aumento do SMI de 950 a 965 euros. Ante isto, Díaz pediu "un compromiso e un pacto de país" para que Goberno, empresarios e sindicatos remen todos na mesma dirección en canto á determinación de que os salarios deben mellorar.

"Se melloran os salarios, como se demostrou co incremento do SMI, mellora a economía no seu conxunto", subliñou. O acordo asinado entre o Goberno e os sindicatos fixa o SMI en 1.000 euros brutos ao mes en 14 pagas desde o 1 de xaneiro, o que equivale a 33,33 euros brutos ao día con carácter xeral.

A xornada legal quedará fixada en 47,36 euros no caso dos traballadores eventuais e temporais cuxos servizos a unha mesma empresa non excedan dos 120 días. Para os traballadores do fogar, a hora traballada pagarase a 7,82 euros brutos. Estes novos montantes representan un incremento do 3,63% a respecto das contías de 2021.

Segundo cálculos sindicais, o aumento do SMI a 1.000 euros impactará directamente sobre 1,8 millóns de traballadores, especialmente sobre mulleres e persoas novas. De feito, o perfil que máis se beneficiará con esta repunta do salario mínimo correspóndese co dunha muller, de 16 a 34 anos, que traballa fundamentalmente no sector agrícola ou no de servizos.

O SMI chegará en 2023 a 60% do salario medio

A vicepresidenta defendeu que subir o salario mínimo foi moi positivo para a economía española porque é a "mellor ferramenta para combater a pobreza laboral". Ademais, negou que a alza do salario mínimo interprofesional vaia destruír emprego en sectores como a agricultura ou entre as traballadoras do fogar ou os autónomos, como argumentan desde o bando empresarial.

No caso dos autónomos, a ministra sinalou que actualmente hai 105.000 autónomos máis que antes da crise, mentres que no sector agrario hai 58.000 traballadores máis, a pesar da mecanización do campo. A respecto das traballadoras do fogar, aínda que Díaz recoñeceu que o Goberno é consciente de que é un sector que ten que ser "coidado e atendido", a cifra de empregadas mantívose sen variacións. "Os discursos dogmáticos acerca dos efectos negativos da subida do SMI atrévome a dicir que non son reais", salientou a ministra de Traballo.

A portavoz do Goberno, Isabel Rodríguez, puxo en valor que desde que Pedro Sánchez é presidente do Executivo o SMI incrementouse en 33%: "É o maior incremento na historia do noso país". Para a suba do SMI en 2023, que deberá situalo en 60% do salario medio, tal e como recolle a Carta Social Europa e o acordo de goberno entre PSOE e Unidas Podemos, Traballo ten previsto convocar o Comité de Expertos do SMI cando antes para que empecen a traballar sobre a alza para o próximo ano.

En todo caso, a vicepresidenta garantiu que o Goberno "cumprirá" co compromiso de situalo en 60% do salario medio ao remate da lexislatura. "O obxectivo é ser máis europeos e destituír un modelo empresarial e de relacións laborais baseado no 'baixo custo', con baixos salarios e relacións laborais absolutamente precarias", remarcou. Desde Traballo aseguran que o aumento do SMI conta con "efectos probados e de gran inmediatez" á hora de combater a desigualdade, a pobreza laboral, a fenda salarial de homes e mulleres, a precariedade salarial dos colectivos máis vulnerábeis e que contan con menos capacidade de negociación.

Suba 'raquítica'

Na Galiza, a CIG, sindicato maioritario que cualificara de "raquítica" a anterior suba do salario mínimo, insiste en que o obxectivo debería ser subilo até un importe que represente 60% do salario medio, tal e como recolle a Carta Social Europea. 

A pesar de que esta suba ─de confirmarse o importe─ duplica a anterior, aínda está lonxe dese obxectivo, que na CIG situaban nos 1.150 euros, unha cantidade que, como lembraban entón, non compensaba a perda de poder adquisitivo da poboación ─a inflación aumentou 6,7% na Galiza en 2021─ polo que tamén pedían ter en conta o IPC. 

En calquera caso, desmentían o impacto da media na destrución de emprego e acusaban o Banco de España e a CEOE de publicar informes para "confundir" a opinión pública.

Comentarios