Goberno español restrinxe os despedimentos relacionados coa crise do coronavirus

"Ninguén pode aproveitar esta crise sanitaria para despedir", dixo a ministra de Traballo, Yolanda Díaz.

Oficina de emprego (Europa Press)
photo_camera Oficina de emprego (Europa Press)

Pedírano esta quinta feira sindicatos a nivel estatal como CCOO e UXT e Italia demostrara hai uns días que o paso podía darse: O goberno español prohíbe durante esta situación extraordinaria provocada polo coronavirus os despedimentos que teñan relación con esta crise.

O Consello de Ministros extraordinario aprobou esta sexta feira esta medida. "Ninguén pode aproveitar esta crise sanitaria para despedir", dixo a ministra de Traballo, Yolanda Díaz.

A prohibición entra en vigor desde hoxe, concretou a ministra na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros. O Goberno español afirma que con medidas como esta o que procura é que "esta crise sanitaria sexa unha paréntese no ámbito económico", segundo explicou María Jesús Montero,portavoz do Executivo, en rolda de prensa.

O que se pretende é que os axustes se realicen mediante ERTE e sexan temporais. No caso de Galiza, e a día 27, hai máis de 124.000 traballadores e traballadoras afectadas por estes expedientes. 

Ademais, os contratos temporais, tamén os formativos, de relevo e de interinidade, permanecerán vixentes até o final da crise. Cando se suspendan os contratos temporais, a súa duración prorrogarase. "Coa escusa do coronavirus non se deben extinguir os contratos temporais, continuarán unha vez que pasemos a crise sanitaria", dixo Díaz.


 

Comentarios