DESTRUIRANSE ENTRE 75 E 85 POSTOS DE TRABALLO DUN TOTAL DE 325

Gestamp Vigo quere despedir o 25% do seu cadro de persoal

CC OO denuncia que a empresa está a deslocalizar produción para Portugal.

gestamp
photo_camera Instalacións de Gestamp

A auxiliar da automoción viguesa Gestamp ameaza con despedir a unha cuarta parte do seu plantel. Así llelo comunicou a dirección ao Comité de Empresa. Destruiranse entre 75 e 85 postos de traballo dun cadro total de 325. 

A empresa promove esta medida logo dun ERE temporal que ficará vixente até o 31 de decembro, e após a sinatura dun convenio colectivo no que se fixaba unha importante contención salarial. En 2013 xa se despediran a 35 persoas para “axustar o desequilibrio entre a man de obra directa e indirecta”, argumentaran daquela. 

Para CC OO, esta decisión encobre un “proceso claro de deslocalización”. A central sindical denunciou que a empresa incumpre os seus compromisos adquiridos para garantir a produción da planta viguesa e pola contra está a adxudicar traballos ás súas factorías en Portugal. O sindicato advertiu de que de se manter esta pretensión dará lugar a un conflito laboral que, anticipan, será “longo e duro”.

A sección sindical de CC OO rexeita esta nova “reestruturación” criticando que “a deslocalización e os despedimentos” sexan as fórmulas empregadas pola empresa para “resolver unha mala xestión e abaratar os custos”.

Comentarios