Isabel Moares

“Gastan 17 millóns no edificio de emerxencias e non se preocupan de quen as temos que facer funcionar”

Isabel Moares, presidenta do Comité 112. O persoal deste servizo de emerxencias irá a greve indefinida a partir do 15 de abril. “Non nos deixaron outra opción”, afirma, referíndose á nula vontade de diálogo por parte de empresa e administración perante unha decisión, o traslado, con prexuízos económicos para os traballadores e de servizo sobre a cidadanía.

CIG 112 061

O vindeiro 18 deste mes procederase ao traslado de Compostela a A Estrada do persoal da Axencia Galega de Emerxencias, 112, un servizo público que é prestado por unha empresa privada. O comité do 112 advirte da falta de información, improvisación e desleixo na 'deslocalización' dun servizo fundamental para a poboación. Os traballadores denuncian “falta de planificación”, unha perda do 14% do seu salario e que se van enfrontar a unha plataforma tecnolóxica aínda “en fase de desenvolvemento e probas”.

- A greve está fixada para o día 15, sábado, e vindes de ter a xuntanza o comité de folga coa empresa para marcar os servizos mínimos...

- Intentamos chegar a un acordo mais eles marcaban un 100% de servizos mínimos. Iso non pode ser, vulnera un dereito fundamental dos traballadores. É certo que hai algúns servizos que non poden ir á folga mais non é o caso dos servizos de emerxencias. Hai mesmo unha sentenza do TSXG, sobre o 061, que di que non se pode poñer o 100% de servizos mínimos, que o servizo ten que funcionar mais non como un día normal.Non houbo acordo coa empresa e quen vai decidir vai ser a administración, que seguramente nos marque uns servizos mínimos do 100%.

- Cando convocastes esta greve insistiades en que “non nos deixaron outra opción” e que vos viades “na obriga” de dar ese paso de ir á greve

- É que nos vimos na obriga! É a opción que nos deixan. Cando se comezou a falar  do traslado comezamos a ter reunións coa administración, con Luís Menor, que é director xeral de Emerxencias. Levamos máis dun ano con xuntanzas para intentar chegar a un acordo. Nas xuntanzas entrou a empresa, porque a administración non pode negociar directamente con nós pois nós somos traballadores dunha empresa privada.

Xusto antes das últimas eleccións galegas, Luis Menor dicianos que estabamos cerca dun acordo, que había unha partida destinada a que o traslado non custe cartos aos traballadores...Porén, despois das eleccións cambiou o talante. Nós tiñamos que negociar directamente coa empresa e esta o que procura é gañar cartos, os traballadores interesámoslle menos. Na última reunión que tivemos, en xaneiro, a empresa non se presentou e a administración deixounos plantada. Desde entón, non tivemos ningunha xuntanza máis. A empresa ofrécenos 45.000 euros até rematar a contrata (setembro de 2018) para repartir entre os 90 traballadores para cubrir os custos do traslado, iso vén sendo 20 euros brutos por persoa, unha cantidade irrisoria. A media que nos vai supoñer a cada traballador o traslado é duns 150 euros mensuais de gasto a maiores.

- O que representa por volta do 14% do voso salario, segundo tendes explicado en varias ocasións.

- Nós estamos no convenio de ‘Call Centers’, de telemarketing, e os salarios son precarios, a maioría deles non chegan aos mil euros. E no 112 temos unha gran responsabilidade, porque estamos a falar dun servizo de emerxencias, onde o que está en xogo son vidas humanas. Temos mellorado un pouco a respecto do convenio a través da negociación coa empresa mais continúan a ser salarios precarios. Nós o que non queremos é que se precarice máis un servizo que xa está precarizado. Gastan 17 millóns de euros nun edificio [refírese ao centro de atención de emerxencias de Galiza, na Estrada, ao que se van trasladar] mais non se ten para nada en conta os traballadores, que somos quen fai funcionar o servizo.

- A vosa loita non se circunscribe a evitar perder unha parte considerábel do voso salario. Advertides sobre deficiencias na nova plataforma que tendes que usar na Estrada...

- Efectivamente, o traslado implica un cambio completo de plataforma tecnolóxica, temos programas diferentes, imos traballar de maneira diferente. E recibimos unha formación deficiente e insuficiente. A día de hoxe [11 de abril] continúa a dar problemas a nova plataforma, está sen testar, sen volcar os datos...

- Mais o traslado é en apenas unha semana...

- Todo isto xera moita inseguridade nos compañeiros. Estamos a falar da nosa ferramenta de traballo. Se non funciona, pois imos sacar a emerxencia adiante, aínda que sexa con lapis e papel, mais iso implica que levará máis tempo e non esquezamos que estamos a falar de situacións de emerxencias... Se existe un plan de traslado, nós descoñecémolo.

- A estas alturas?

- A estas alturas. Sabemos que hai plan de traslado porque nos enteramos mais non sabemos nada dese plan de continxencias, fálase dun plan A, dun plan B... Creo que o lóxico sería que o coñecésemos mais a realidade é que non sabemos nada, o silencio é absoluto; e o trato para co persoal é de desinterese por parte da administración... 

- A cuestión laboral, sendo fulcral, non esgota as motivacións das mobilizacións destas semanas e a greve a partir do vindeiro sábado. Advertides dos impactos que para os propios usuarios, a propia cidadanía, pode ter un traslado levado nestas condicións...

- Isto non é unha cuestión localista, que se Compostela ou que se A Estrada. O 112 é un servizo de emerxencias para toda Galiza. Tal e como se están a facer as cousas vai acabar repercutindo no mal funcionamento da plataforma coa que imos traballar, iso implica que a xestión da emerxencia se ralentice, a greve indefinida implica que vai haber menos persoal... E desta situación os responsábeis son eles, a administración, eles crearon un problema e eles teñen que darlle solución. Traballamos para unha empresa privada subcontratada pola Xunta para prestar un servizo público. Non estamos moi de acordo con ese modelo, entendemos que debía haber unha xestión directa.

- Que pasos deberían dar para que desconvoquedes a greve?

- O primeiro, sentar a negociar, a administración ten que darnos unha resposta, dicirnos algo. Nós nunca nos negamos a negociar, o que queremos precisamente é iso: que negocien. Negociar unhas condicións para os traballadores que non implique que teñamos que perder unha parte importante do noso salario. Queremos que nos manteñan informados, saber que plans existen... Nós mantemos que non é obrigatorio que o traslado se faga o 18 de abril. Vai pasar algo se non se fai ese día? Non, todo vai funcionar como agora, o traslado pode adiarse para facerse con máis tempo e información, que a formación para traballar co novo programa se dea como se ten que dar...  

Comentarios