Galiza, o único territorio do Estado co leite a menos de 0,30€

As explotacións galegas percibiron no mes de outubro 0,28 céntimos por litro. Na segunda feira volverán as mobilizacións.

Leite

Galiza continúa a ser o territorio do Estado español no que o prezo do litro de leite en orixe se sitúa por baixo dos 30 céntimos, segundo os dados fornecidos polo Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA). Estas cifras sitúan Galiza, a principal produtora leiteira estatal e a terceira 'rexión' europea, á cola dos pagamentos. Trátase de case 6 céntimos menos que Andalucía onde as explotacións perciben 34,4 céntimos.   

No concreto, @s gandeir@s percibiron, de media, 0,28 céntimos por litro o mes seguinte á sinatura do acordo lácteo asinado en Madrid a instancias da ministra de Agricultura. O prezo en orixe teríase, neste senso, incrementado por volta de 4 céntimos mais fica por baixo aínda dos custes de produción das explotacións. 

Andalucía percibe en orixe 34,4 céntimos/litro fronte aos 0,28€ de Galiza

Perante esta realidade, a Plataforma en defensa do sector lácteo convocou mobilizacións a partir da segunda feira (31 de novembro) que consistirán en entregas gratuítas de leite nas cidades que terán lugar diante das áreas comerciais. Aliás, volverán saír en tractorada pola Coruña e Compostela e advirten que bloquearán as distribuidoras se non hai avances nos vindeiros días. 

Pola súa banda, a Consellaría de Medio Rural reuniuse na xornada de onte con representantes das organizacións agrarias e cooperativas á fin de procurar puntos de encontro. Ángeles Vázquez, a responsábel da carteira, instou os distintos axentes a se sumaren ao Plan Estratéxico que deseña a Xunta para o sector. 

Comentarios