Galiza é o territorio que máis mulleres autónomas perde do Estado español

Tamén é o único no que as baixas das mulleres no réxime especial de traballadoras autónomas superan ás dos homes.
O número de galegas no RETA descendeu 9,4% nos dez últimos anos (Ricardo Rubio / Europa Press).
photo_camera O número de galegas no RETA descendeu 9,4% nos dez últimos anos (Ricardo Rubio / Europa Press).

O mercado laboral galego expulsou nos dez últimos anos a 8.972 mulleres cotizantes no réxime especial de traballadoras autónomas (RETA). Este descenso, que representa 9,4% do total, situou a Galiza como líder entre os territorios do Estado español no que a destrución de emprego feminino entre autónomas se refire, segundo os datos dun informe publicado pola Asociación de Traballadoras Autónomas (ATA). 

Ese mesmo documento destaca que só cinco territorios perderon traballadoras autónomas entre 2009 e 2019. Trátase, ademais da Galiza, de Asturias (-7,4%), Cantabria (-1,3%), Castela e León (-0,2%) e A Rioxa (-1,7%). En todas elas, a perda de mulleres cotizantes é inferior á rexistrada nos homes. Neste aspecto, Galiza é a excepción, xa que é o único territorio onde o descenso no colectivo feminino foi superior á dos homes, que no mesmo período perderon 7.485 afiliados, o que representa 5,7% do total

Medra no Estado español

A nivel do Estado español, o número de traballadoras autónomas aumentou en 116.444 mulleres no período analizado, o que supón 11% máis, fronte un retroceso dos autónomos varóns de 6.062 cotizantes no mesmo período, 0,3% segundo o informe de ATA, que pon de manifesto que hai máis mulleres autónomas que antes da crise. Ao feche do ano pasado, o número de mulleres inscritas no RETA era de 1.173.743, namentres os homes sumaban 2.093.685 afiliados. 

"As mulleres autónomas están sendo as protagonistas da recuperación económica e a xeración de emprego. Se o RETA creceu e incrementou o número de autónomas é polo seu impulso. O crecemento de autónomos no Estado español é feminino. Os negocios liderados por mulleres mantense máis no tempo e conseguiron superar os niveis previos á crise", destacou Candela Carrera, da área de Muller de ATA.

Comentarios