venres 03/12/21

Galiza suma 3.000 fogares máis en paro

A enquisa de poboación activa (EPA) do segundo trimestre sitúa en 58.100 os fogares con todos os seus membros do desemprego e un aumento da temporalidade. As organizacións sindicais piden a derrogación da reforma laboral, medidas por parte da Xunta e emprego de maior calidade. 

Un mozo diríxese á Oficina de Emprego da Xunta da Galiza en Compostela (Riobó Prada).
Un mozo diríxese á Oficina de Emprego da Xunta da Galiza en Compostela (Foto: Riobó Prada).

Os fogares galegos nos que todos os seus membros activos están en paro aumentou en 3.000 unidades no segundo trimestre de ano, até chegar a ser 58.100. É un dos datos que reflicte a enquisa de poboación activa (EPA) sobre o período que vai de abril a xuño de 2021 e que publicou esta quinta feira o Instituto Nacional de Estatística (INE).

En termos xenéricos o desemprego baixou en 5.900 persoas, o que supón un 3,75% menos que no trimestre anterior, até situar o total en 152.400 desempregadas e desempregados. Porén, en variación anual, do segundo trimestre de 2021 respecto ao mesmo período de 2020, hai 9.800 persoas no desemprego máis, un 6,9%. 

Máis temporalidade e desigualdade

Na Galiza había 867.000 persoas asalariadas no segundo trimestre, 657.400 delas con contrato indefinido e as 209.600 restantes con contrato temporal. Con respecto ao trimestre anterior rexístranse 4.400 asalariadas máis indefinidas, o que supón un incremento de 0,7 puntos en termos relativos.

As temporais tamén aumentaron, neste caso en 10.800, o que representa en termos relativos unha suba dun 5,4% en comparación co primeiro trimestre. En variación interanual, diminúen os indefinidos, mentres aumentan os temporais un 11,5%. A taxa de temporalidade está agora  no 24,2%. 

Por outro lado, o desemprego rexistra unha taxa máis baixa en homes (11,27%) que en mulleres (13,61%) e de igual modo, a taxa de actividade é superior entre homes na comunidade galega, do 56,88%, que entre mulleres, que se sitúa no 48,51%. 

Aumenta a Construción e baixa a Agricultura

A actividade económica rexistrou un aumento de persoas ocupadas en todos os sectores, excepto no primario. Na industria, incrementouse en 300 persoas respecto ao primeiro trimestre do ano, a construción rexistra un aumento de 8.000 traballadoras e traballadores e nos servizos a alza cífrase en 8.700 persoas. Pola contra, na agricultura e na pesca produciuse unha caída na ocupación de 100 persoas. 

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

En relación ao desemprego xuvenil, de 320.300 mozas e mozos de entre 16 e 29 anos, 101.500 (o 31,7%) están ocupados, 37.700 (un 11,8%) no desemprego e os 181.200 restantes (un 6,6%) considéranse inactivos. 

CIG: avance da precariedade laboral

A CIG avalía os datos da EPA como "desalentadores" e indican que evidencian "o deterioro progresivo das condicións laborais e o empobrecemento xeneralizado da clase traballadora". Para a central nacionalista deixan ver "o imparábel avance da crise industrial" nun mercado laboral "asentado na precariedade, como evidencia o incremento de persoas asalariadas con contrato temporal". 

Neste contexto, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, apela á "necesidade e á urxencia de derrogar a reforma laboral para poder encetar a creación de emprego en condicións dignas e a recuperación dos dereitos roubados" diante o anuncio de duras e severas medidas como requisito para acceder aos fondos de recuperación da Unión Europea. Carril reclama tamén a posta en marcha dun plan de recuperación económica, industrialización e creación de emprego, no que a intervención pública "ten que ser fundamental". 

CCOO: a Xunta ten que tomar medidas 

Desde CCOO instan a Xunta a tomar medidas diante do que consideran unha "mellora conxuntural do emprego que non evita o aumento da pobreza no noso país". Para a secretaria de Emprego e Política Social de CCOO, Maica Bouza, os datos da EPA evidencian "unha vez máis" que Galiza segue a reproducir un modelo produtivo e de relacións laborais "obsoleto" e que cómpre mudar "canto antes".

Para a sindicalista, o máis grave é, como se indicou, que o emprego creado "non abonda para saían do desemprego e da pobreza" moitas galegas e galegos. 

UXT: crear emprego de calidade

O sindicato UXT cre que "a saída da crise pandémica so pode ser creando emprego de calidade e con dereitos". Opinan que "a baixa taxa de actividade e a forte contracción no Sector Industrial, sinalan a estrutural debilidade do tecido industrial galego". Mar Martín, secretaria de Política Sindical de UXT, sinala a Nós Diario que os datos viñan marcados pola crise da pandemia.

“O aumento do emprego é positivo mais segue o desemprego de máxima duración”, asegura. Desde este sindicato piden que os fondos europeos “comecen pola orientación para animar a ese sector”.

Galiza suma 3.000 fogares máis en paro
comentarios