Galiza perdeu nun ano case 4.000 afiliad@s á Seguridade Social, mentres España aumentou 115 mil

O último mes, o paro rexistado galego reduciuse en 3.608 persoas. En termos inter-anuais, o descenso atinxiu os 16.620 traballadoras/es.

Reforma laboral, máis desemprego
photo_camera Reforma laboral, máis desemprego

As estatísticas dadas a coñecer hoxe polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social mostran que o mercado laboral galego se está a comportar pior que o español nun aspecto clave: o número de persoas afiliadas á Seguridade Social, isto é, cotizantes e dadas de alta na economía formal.

Con independencia do baremo en que reparemos (a variación inter-mensual ou a inter-anual), Galiza sae perdendo na comparativa. No último mes, o número de afiliacións incrementouse en Galiza, é certo, mais menos que en España (o 0,34% face o 0,52% estatal). No noso país déronse de alta 3.060 persoas, mentres que no conxunto do Estado o fixeron 83.984.

O mercado laboral galego expulsa, drena cara fóra, traballadoras e traballadores, que optan pola emigración

En termos inter-anuais as cousas pintan ben piores. Entre marzo de 2013 e marzo de 2014, Galiza perdeu 3.980 afiliad@s á seguridade social (unha queda do 0,44%). En contraste, e no mesmo período, España gañou 115.013 altas, o que representa un incremento do 0,71 por cento.

No paro rexistado, en troca, os dados son mellores para Galiza. Por que? Basicamente por unha razón: porque o mercado laboral galego expulsa, drena cara fóra, traballadoras e traballadores, que optan pola emigración e que, consecuentemente, non computan no país como parad@s galeg@s.

En termos inter-mensuais, o paro rexistado desceu en Galiza o 1,29%, 3.608 persoas menos no desemprego. Os dados españois son o 0,35 e 16.620, respectivamente.

Na comparativa ano a ano, os dados galegos son dun descenso de 14.724 parad@s (o 5,06%) face a diminución española de 239.377 (o 4,75%).

Comentarios