Galiza perde 1.999 autónomos en 2019 e fica con 209.287, segundo o estudo dunha federación estatal

A Federación Nacional de Asociacións de Traballadores Autónomos emprega datos do Ministerio de Traballo no seu informe
Foto de arquivo dun espazo comercial (Europa Press)
photo_camera Foto de arquivo dun espazo comercial (Europa Press)

Galiza perde un total de 1.999 autónomos en 2019, o que deixa no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) 209.287 afiliados ao pechar o ano.

Esta cifra é inferior á rexistrada a finais de 2018, cando había 211.287 autónomos. O descenso é do 0,9% e este dato sitúa a Galiza como a quinta Comunidade que máis autónomos perdeu en 2019 no Estado, xunto con Euskadi que se viu igualmente afectada.

En total, foron nove as comunidades do Estado que sufriron a caída do número de autónomos, segundo desprende un estudo realizado pola Federación Nacional de Asociacións de Traballadores Autónomos (ATA) a partir de datos do Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social.

Os outros territorios que viron diminuída a cifra de autónomos foron Aragón (-2,7%), La Rioja (-2%), Asturias (-1,4%), Castilla y León e Navarra (-1,3% en ambas), Cantabria (-0,5%) e Cataluña (-0,3%). En Castilla-La Mancha perderon cinco autónomos con respecto ao ano pasado, ademais de rexistrarse caídas en Ceuta e Melilla.

Pola contra, rexistráronse subidas en Canarias (+2,9%), Andalucía (+2,2%), Baleares (+1,8%), Madrid (+1,4%), Murcia (+1,2%), Comunidad Valenciana (+1,1%) e Extremadura (+0,2%). Destaca o incremento rexistrado en Andalucía en termos absolutos (11.463), que supón o 79,4% do incremento nacional.

Aumenta o número de emprendedoras

Tendo en conta o xénero, en 2019, o Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) gañou 258 cotizantes homes e 14.167 autónomas, o que supón un incremento das emprendedoras do 1,2% en comparación co 2018.

Por sectores, rexistráronse caídas en industria, cunha perda do 5,5%; comercio (-1,3%) e agricultura, que perdeu 227 autónomos. Con todo, pecharon o ano rexistrando o maior incremento do número de autónomos o sector das actividades inmobiliarias (+5,2%) e artísticas (+4,5%).

Comentarios