Galiza fecha agosto con 151.264 persoas paradas, 25.687 menos que hai un ano

A afiliación media á Seguridade Social aumentou en 3.198 persoas.
Varios operarios traballan na recollida de polas afectadas polas tormentas (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).
photo_camera Varios operarios traballan na recollida de polas afectadas polas tormentas (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).

O número de persoas paradas rexistradas nas oficinas dos servizos públicos de emprego baixou en 670 no mes de agosto na Galiza (-0,4%), segundo datos publicados esta quinta feira polo Ministerio de Traballo e Economía Social. Así, o volume total de parados sitúase en 151.264 na Galiza.

O descenso foi máis acusado no conxunto do Estado, cunha caída de 82.583 desempregados (-2,4%), o maior retroceso nun mes de agosto dentro da serie histórica.

Hai que ter en conta que o dato do paro non inclúe os traballadores e traballadoras que se atopan en suspensión de emprego ou redución horaria como consecuencia dun expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) xa que a definición de paro rexistrado non os contabiliza como persoas desempregadas.

Segundo datos do Ministerio, o número de traballadores en ERTE situouse a 31 de agosto en 10.810 persoas, 2.201 menos que o mes pasado.

Mais de 5.000 mozos e mozas paradas

No último ano o paro acumula un descenso de 25.687 persoas na Galiza, un descenso de 14,5%, por riba de 12,3% que rebaixou en 468.899 as persoas desempregadas.

Dos parados cos que inicia a comunidade o mes de setembro, 62.010 son homes e 89.254 mulleres. Deles, 5.535 teñen menos de 25 anos.

O maior número de concéntrase no sector servizos, 106.076; seguida de industria, con 17.313 e construción, con algo máis de 11.000. Na agricultura, contabilízanse 5.097. Doutra banda, o mes pasado contabilizáronse na Galiza 80.231 contratos, dos que 74.095 foron temporais.

Afiliacións

Ademais, no mes de agosto, a afiliación media á Seguridade Social aumentou en 3.198 persoas, un 0,3%, até situarse en 1.039.470 cotizantes.

No ámbito estatal, a Seguridade Social perdeu unha media de 118.004 cotizantes a respecto a xullo, o que situou o número de ocupados en 19.473.724. A variación anual outórgalle a Galiza 26.676 cotizantes, un 2,63% máis.

En relación ás afiliacións, o Instituto Galego de Estatística (IGE) precisa que as do réxime xeral, que representan 77,87% en agosto, aumentaron un 0,40% con respecto ao mes anterior. Na comparativa interanual.

Nas afiliacións ao réxime especial de autónomos, o crecemento medio da comunidade galega sitúase en 0,56%. 

No que respecta ao réxime especial do mar, con respecto a agosto de 2020, caen as afiliacións. Tamén en relación ao mes de xullo, cun descenso de 0,45%.

Comentarios