O galego e a defensa contra a deslocalización de 300 empregos en Ourense

Concentración contra a deslocalización de traballo en Unitono na cidade ourensá após decidir Naturgy prescindir do servizo de atención en galego.

Concnetración de traballadores Unitono Naturgy Imaxe do Grupo Común da esquerda
photo_camera Concentración de traballadoras e traballadoress de Unitono (Grupo Común da Esquerda)

Traballadores e traballadoras de Unitono concentráronse diante da sede de Naturgy (antes Gas Natural Fenosa) para denunciar a deslocalización de empregos que vén da man da decisión da eléctrica de prescindir do servizo de atención en galego.

“Naturgy escoita, estamos en loita” oi un dos lemas coreados por empregados e empregadas, que denuncian que desde mediados de novembro o maior volume de chamadas atenderase desde Colombia. Representantes de sindicatos e organización políticas como BNG e Grupo Común da Esquerda, así como da Mesa pola Normalización Lingüística, estiveron presentes na movilización.

O comité de empresa de Unitono denunciou a inicios deste mes que a partir deste 15 de novembro farase efectivo o cesamento do servizo de atención ao cliente de Naturgy (Gas Natural Fenosa) en galego desde Ourense, co conseguinte perigo para os 130 empregados e empregadas. Outras 150 traballadoras afectadas na Coruña.

Reus e Colombia

A presidenta do comité de empresa, Miriam Varela, anunciou a recolocación en Reus (Tarragona) e, na súa maior parte, en Colombia do servizo que se prestaba desde hai 10 anos en Ourense .

O comité de empresa teme polos efectos no cadro de persoal, xa que Naturgy é o seu principal cliente e que "Unitono só presta outros pequenos servizos a outras empresas que non son suficientes para cubrir o horario laboral dos seus traballadores e traballadoras".

O persoal afectado apuntou tres culpábeis: "Primeiro, Naturgy, seguido de Unitono que negou durante meses ter coñecemento do proceso de recolocación". Tamén sinalan que a administración é responsábel da falta de lexislación para evitar este tipo de situacións.

Ademais, o comité de empresa ve como principais razóns que levaron a esta situación "a baixada dos salarios e ao compoñente político que leva a Naturgy a querer desconectar de Galiza".

Idioma

A Mesa solidarizouse cos e coas traballadoras e anima a participar na concentración que terá lugar o 14 de novembro. A Mesa pola Normalización denunciou reiteradamente a situación que se produce pola falta de garantías que permitan o uso do galego nas relacións económicas, ofrecendo alternativas legais que amparasen os dereitos lingüísticos e laborais como a Iniciativa Lexislativa Popular para a garantía dos dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico, rexeitada en 2016 polo Partido Popular no Parlamento tras xuntar os apoios de arredor de 30.000 galegas e galegos.

Comentarios