xoves 16/09/21

A 'funcionarización' da Xunta deixa polo camiño centos de traballadores

A lista de contratación do persoal da categoría laboral de ordenanzas está actualmente inactiva, o que impide a estas persoas acceder ás vacantes que ocupaban até o de agora.
Corredores do edificio administrativo da Xunta en San Caetano, Compostela (Foto: Europa Press).
Corredores do edificio administrativo da Xunta en San Caetano, Compostela (Foto: Europa Press).

"Un pesadelo". Así definen a súa situación, en declaracións a Nós Diario, os centos de traballadoras e traballadores temporais da Consellaría de Política Social do grupo laboral de ordenanzas.

O 7 de febreiro de 2020, a través dunha resolución, a Xunta convocou un proceso selectivo para a adquisición da condición de persoal funcionario de carreira para diversas categorías, entre elas a de ordenanzas.

Porén, cando o pasado 1 de xullo chegou a 'funcionarización' definitiva das listas, a Administración galega "esqueceu" este grupo.

"As probas selectivas para o acceso á condición de funcionario tiveron lugar en outubro de 2020, mais unicamente é a lista de contratación de ordenanzas a que se atopa inactiva. Este feito causa que se nos negue a opción de prestar os servizos que dita lista, como dereito, nos permitía realizar, e polo tanto négasenos a opción de traballar", sinalan, nunha carta remitida ao director xeral da Función Pública, José María Barreiro, á que tivo acceso este xornal.

Dado que a súa lista de contratación está actualmente inactiva, a Xunta está a cubrir as vacantes con profesionais procedentes doutra categoría laboral, a de persoal subalterno. "Centos de persoas, e polo tanto centos de familias, estamos na corda frouxa. Ves que tes 40 puntos na lista, e chega outra persoa doutra categoría con cero puntos e que nunca traballo, e danlle a vacante... É todo moi absurdo", indica unha das persoas afectadas.

Aliás, a Administración está a concluír os contratos de persoal da categoría de ordenanzas para outorgar os seus postos aos subalternos, a raíz da unificación dos centros de Política Social e Educación. "Hai traballo para os dous grupos, só pedimos unha solución para que poidamos seguir traballando igual ca sempre", apunta outra das traballadoras.

"Prometéronnos e prometen abrir as listas de subalternos para que poidamos traballar, mais, mentres, atopámonos na casa agardando a que se decidan a darnos unha solución. Alguén esqueceu que pagamos unhas taxas, igual que os subalternos, as cales nos proporcionaron uns dereitos, igual que o fixo o noso traballo", engade.

Vulneración de dereitos "sen previo aviso"

Deste modo, denuncian que o Goberno galego está a vulnerar "o dereito a prestar servizos nos postos de traballo vacantes e non vacantes que se están a producir, co agravante de que a época estival é na que hai máis posibilidades de traballar".

"A privación deste dereito sen previo aviso xera trastornos económicos, persoais e familiares, co consecuente trastorno a nivel económico, social e emocional deste colectivo que estivo a disposición das necesidades de cobertura destes postos en momentos de extrema necesidade durante a pandemia, demostrando a necesidade e utilidade de que estás listas estean operativas", matizan.

comentarios