FSM chama á unidade do sindicalismo de clase para combater o desemprego con traballo digno

A Federación Sindical Mundial realizou unha Conferencia Sindical Internacional na vila de Palmela, coa participación de decenas de organizacións sindicais, entre elas a CIG como convidada.

George Mavrikos e Arménio Carlos
photo_camera George Mavrikos e Arménio Carlos

Os pasados 3 e 4 de outubro realizouse en Portugal, na vila de Palmela, organizada pola Federación Sindical Mundial e pola Federação Nacional de Sindicatos de Trabalhadores em Funções Públicas (FNSTFP), unha Conferencia Sindical Internacional baixo o lema, “Combater o desemprego, pelo trabalho digno”. 

Coa presenza de Arménio Carlos, Secretario Xeral da CGTP-IN, que pronunciou un discurso chave, e de George Mavrikos, Secretario Xeral da FSM, a conferencia constituía o acto central do Día Internacional de Acción, que cada 3 de outubro realiza a FSM nos cinco continentes para conmemorar o aniversario da súa fundación, no Congreso Sindical Mundial celebrado en París en 1945. A FSM reúne hoxe máis de 90 millóns de afiliados e afiliados de máis de 130 sindicatos de clase de todo o mundo, entre os cales, LAB de Euskal Herria, a CSC-Intersindical de Catalunya e a Intersindical Canaria.

Representantes de decenas de sindicatos de diversos países, entre os que se atopaba a CIG como convidada, achegaron os seus relatorios, ao longo das dúas xornadas do evento, salientando a importancia estratéxica da loita sindical contra o desemprego, por traballo digno e por medidas urxentes de protección das persoas desempregadas. 

Para a FSM o desemprego e a desprotección social facilitan a maior explotación da clase traballadora

Na declaración publicada polo seu Secretariado a FSM denuncia que “a burguesía e os seus gobernos aprovéitanse deste problema, favorecendo os seus intereses. Implementan recortes de salarios e de prestacións sociais. Propoñen un desenvolvemento en favor dos monopolios, onde os traballadores non teñen dereitos, con malos salarios, sen horario laboral estábel, sen seguridade social, sen especialización.”

Segundo  a FSM, o desemprego e a desprotección social facilitan a crecente explotación da forza de traballo en todo o mundo. Na citada declaración, sinálase ademais que "o desemprego é unha característica inherente ao modo de produción capitalista. A produción capitalista está organizada tendo como único obxectivo as ganancias e non as necesidades do pobo. O desemprego é útil para o capital. Utilízase para preservar o medo ao despedimento e para chantaxear a clase obreira a baixar os seus estándares e esixencias na negociación polo prezo de venda da súa forza laboral". "Ademais, o desemprego é necesario no capitalismo, xa que os desempregados son unha fonte inesgotábel de man de obra dispoñíbel para todas as opcións posíbeis do investimento capitalista" enfatizan.

O capital emprega o alto desemprego "para preservar o medo ao despedimento e para chantaxear a clase obreira a baixar as súas esixencias", denuncian.

Para alén do máis, no encontro denunciouse que o empresariado estaría a aproveitar o actual contexto de cirse, e singularmente as elevadas taxas de desemprego, para conculcar dereitos laborais e sindicais. "Viólase a xornada laboral de 8 horas, condicións de traballo flexíbeis son promovidas, impleméntanse contratos laborais por mes, por semana, por día, o traballo subcontratado legalízase como un sistema de escravitude moderna, ofrécense fondos estatais ás empresas para contratar man de obra, as corporacións reciben enormes exencións fiscais" acrecéntase desde a FSM. 

A Conferencia de Palmela rematou os seus traballos chamando a reforzar a unidade da acción internacional dos sindicatos de clase de todo o mundo para combater o desemprego, loitar por traballo digno e medidas de protección para as persoas desempregadas, cun horizonte no que fique erradicada a explotación capitalista e as guerras imperialistas.

Comentarios