xoves 15/04/21

A frota artesanal galega paraliza a súa actividade contra a norma de control da UE

O Ministerio de Agricultura e Pesca asegura que aínda non é o texto definitivo.
sada foto
Mariñeiros no peirao de Sada. (Foto: Sada)

As confrarías galegas de pescadores consideran un éxito a xornada de protesta que tivo lugar hoxe en todos os peiraos contra a nova normativa de control da Unión Europea (UE). Desde a primeira hora da mañá a frota artesanal realizou concentracións de embarcacións como mostra de apoio á iniciativa promovida pola Federación Galega de Confrarías. O lema da concentración resumía ben a súa reivindicación: “Non á modificación do regulamento de control, somos pescadores non delincuentes". Varias pancartas visibilizaban a mensaxe na maioría das fachadas das confrarías e das lonxas galegas. 

Segundo a propia federación máis de 4.300 embarcacións participaron no paro que se considera seguido polo 100% da frota. O sector insiste en que 90% das operacións de pesca prodúcense a menos de 5 millas da costa e moitas delas con máis de 5 embarcacións perto entre si o que dificultará a súa identificación.

Advirten que as lanchas carecen de equipo eléctrico ademais de ponte de mando polo que sería inviábel a instalación de equipos de xeolocalización. Aseguran que xa contan con controis abondo das capturas e as vendas ademais de apuntar a imposibilidade de instalar cámaras por invadir a intimidade da tripulación con embarcacións tan pequenas. 

Apoio ao sector polo BNG

Desde a protesta en Vigo a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, asegura que “Bruxelas non coñece a pesca artesanal galega” polo que considera que a nova normativa é “un agravio para a frota. Denuncia que a frota “non ten a obriga de contar cun diario electrónico, nin vixilancia como se fosen o Gran Irmán, nin a xeolocalización, xa se sabe onde están, nas rías”. Asegura, ademais, que “o Goberno galego e o estatal non fixeron o seu traballo para que se puidera evitar” esta nova regulamentación. 

Texto non definitivo

Desde o Ministerio de Agricultura e Pesca, fontes consultadas por Nós Diario aseguran que “non existe un texto definitivo do regulamento, así que non se sabe cales das medidas propostas incluiranse no texto final e en que termos”.

En calquera caso, argumentan que o regulamento “prevé un período transitorio para a posta en marcha das medidas máis novas, que, nalgúns casos, podería ser de ata catro anos, de forma que non sexa traumática para o sector”.

O eurodeputado socialista. Nicolas González, explica a Nós Diario que “entende a protesta” mais asegura a comisión quería unha normativa “moito máis severa” por ter unha "idea criminalizadora do sector". Aínda sí, sinala os beneficios da xeolocalización “por seguridade” e aclara que a súa instalación sería pagada con fondos da pesca. 

comentarios